Luz verde para as iniciativas sobre as traballadoras de Extel, o fin do escudo social e o Circo de Artesáns
A moción sobre as demandas do cadro de persoal de Extel –o texto final foi transaccionado co grupo municipal do PSdeG- obtivo o apoio unánime da Corporación, como tamén a relativa ao Circo de Artesáns. En troca, a referida á vivenda foi votada afirmativamente por PSdeG e Marea Atlántica e en contra polo PP.
Apoio ás traballadoras de Extel
“Esta moción non é da autoría do BNG, senón que nela asumimos as reivindicacións e demandas do cadro de persoal da antiga Extel (agora Abai Group)”, dixo o noso voceiro, Francisco Jorquera, ao presentar a iniciativa que procura o apoio da Corporación ás traballadoras desta empresa de telemarketing.
Cada vez hai menos traballadoras no centro da Coruña de Extel (hai 5 anos, o plantel era de 1.200 persoas, hoxe apenas 620) e cada vez soportan unha carga de traballo máis abafante, en paralelo a un proceso de degradación e deterioración das súas condicións laborais: dificultades á hora de conciliar, presións para recortar os seus períodos vacacionais...
Todo iso nunha empresa que ten como cliente de referencia Telefónica.
É por iso que a moción do BNG procura “a defensa dos postos de traballo”, mais tamén “unhas condicións laborais dignas” para o persoal de Extel. O grupo municipal nacionalista aceptou incorporar emendas de PP e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo –non así a proposta da Marea Atlántica por considerar que xa estaba sumida no texto do PP. Ao tempo, o Bloque transacionou co PSdeG o texto que finalmente foi sometido a votación e fíxoo para incluír un punto por medio do cal ínstase a Xunta a que poña os medios que garantan o respecto dos dereitos laborais das traballadoras da empresa.
O fin do escudo social
O próximo 31 de outubro cae o pano sobre o chamado escudo social, unha medida de protección fronte aos desafiuzamentos para os sectores en situación de maior vulnerabilidade social. De aí que o BNG defendese unha moción para emprazar o Concello a que adopte medidas que amortezan o impacto da retirada desa protección.
Avia Veira lembrou que a Xunta ten competencias exclusivas en materia de vivenda. Abonda un dado para ilustrar a súa política: en 2019 só sumou 4 moradas de protección oficial, cando ese mesmo ano se verificaron até 949 despexos.
E que fai o Concello para alargar o parque público de vivenda en réxime de aluguer? Ten feito algunha xestión perante a SAREB para que se lle cedan ao Concello os inmóbeis rescatados con diñeiro público?, inquiriu Avia Veira.
Apoio ao Circo de Artesáns
A derradeira das mocións específicas do BNG neste Pleno tiña como propósito demandar o apoio da Corporación ao Circo de Artesáns, a un ano de esta entidade facer o seu 175 aniversario como un dos grandes centros de difusión da cultura, a acción e o pensamento da Galiza na nosa cidade.
O seu impacto e legado son inconmesurábeis, lóxico tendo en conta que nos seus salóns se pasearon desde Manuel Murguía, Concepción Arenal e Curros Enríquez até Castelao, Miguel de Unamuno e Ortega y Gasset.
Que o Concello apoie o actos programados polo Circo de Artesáns para celebrar o seu 175 aniversario e que chegue a acordos coa Xunta e a Universidade da Coruña para catalogar e dixitalizar a Biblioteca da entidade (15 mil volumes, entre elas algunhas xoias como primeiras edicións de clásicos como Benito Vicetto). Ese é o contido básico desta moción, que persegue tamén un acordo entre Circo de Artesáns e Concello para aquel tornar as súas instalacións -1.800 metros cadrados na rúa Santo André- dispoñíbeis para o tecido asociativo da cidade.
O BNG aceptou incorporar ao seu texto unha emenda formulada desde as bancadas da Marea Atlántica.