CONFERENCIA DE PRENSA DE JORQUERA
"O liderado en defensa da cidade pasa por algo máis que por ser anfitrións de cimeiras"
Para o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, é bon que exista un “diálogo normalizado” entre as distintas administracións. “Mais o diálogo”, esclareceu, “é unha ferramenta. O importante é que dea froitos”.
É por iso que, en relación á cimeira con Rueda, Jorquera pídelle a Inés Rey “que reclame un maior esforzo investidor da Xunta na nosa cidade”, sendo que o investimento por habitante da administración galega na Coruña é até inferior á metade do que nos correspondería por poboación.
Canto á cimeira hispano-alemá, Jorquera considéraa unha “ocasión de ouro” para lle reclamar aos dous gobernos “unha posición firme contra o novo regulamento aprobado pola Comisión Europea” que expulsa a nosa frota de 87 caladoiros comunitarios. “Estamos ante o que pode ser un golpe mortal para un sector vital da economía da Galiza. Vital tamén para a economía coruñesa”, remarcou.
É tamén unha “ocasión de ouro” para o Goberno local emprazar o seu homólogo central a que se debruce sobre cuestións chave para o futuro da Coruña. “Refírome á condonación da débeda do porto, á implantación de servizos ferroviarios, á modernización da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol e á devolución ao Concello dos terreos e instalacións titularidade do Estado en desuso ou infrautilizados”, enumerou.
O candidato á Alcaldía ve a cimeira hispano-alemá unha “ocasión de ouro” para os dous gobernos rexeitaren a proposta da Comisión Europea que expulsa a nosa frota de 87 caladoiros comunitarios
Reclamacións ao Goberno central e reclamacións ao Goberno Galego. Iso é o que pedimos desde o BNG. “Na Coruña a oferta de vivenda pública promovida pola Xunta é ridícula. E o investimento nos centros educativos, escolas infantís ou residencias e centros de día para os nosos maiores é claramente insuficiente, cando non, simplemente ausente”, dixo Jorquera, quen chamou o Goberno galego a non utilizar o novo CHUAC como cortina de fume para agachar os recortes no sistema sanitario público e o desmantelamento progresivo da nosa atención primaria.
Púxolle máis deberes Jorquera á alcaldesa na necesaria presión política á Xunta: hai que lle pedir que asuma de vez as súas competencias en materia de mobilidade, “no canto de sacar da chisteira pasarelas para desviar a atención dos problemas reais” de colapso das comunicacións por estrada que sofremos a cotío nos accesos á cidade.
“Igualmente”, subliñou, “reclamamos da Xunta e do Concello que deixen de xogar a pasarse a pelota para que dunha vez por todas sexa realidade o Centro de Saúde de Santa Lucía”.
Está ben por tanto o diálogo ao máximo nivel coa Xunta, sempre que dea froitos, e estaría tamén óptimo que ese mesmo diálogo se practicase tamén, identicamente ao máximo nivel, entre o Goberno Local e o central. “Ese é o encontro que todos estamos agardando”, dixo. E non para utilizar A Coruña como escenario en que posar para as cámaras, senón para avanzar en cuestións que mellorarían a vida da cidade.