O BNG pídelle á Xunta que garanta xa as visitas públicas á Casa Cornide

Furgoneta no garaxe da Casa Cornide
Furgoneta saíndo da Casa Cornide
A deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas vaille preguntar mañá venres ao Goberno galego “como vai garantir a inmediata apertura ao público da Casa Cornide”.
O BNG pídelle á Xunta que garanta xa as visitas públicas á Casa Cornide

Queixas vaise interesar por esta cuestión na pregunta oral que lle dirixirá á Xunta durante a sesión da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego que vai ter lugar mañá a partir das 10 horas (terceiro punto na orde do día).

O establecemento dun réxime de visitas do público á Casa Cornide (un número mínimo de 4 días ao mes durante, cando menos, 4 horas ao día) vén regulada por unha resolución publicada polo DOG a 24 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en virtude da cal incoábase o procedemento para declarar como ben de interese cultural este palacete espoliado polos Franco e que debe ser restituído de forma gratuíta ao Concello da Coruña.

Isto é, a propia incoación do expediente, ao establecer medidas cautelares, implica unha serie de obrigas para os que aínda son propietarios, os descendentes do ditador. Unha delas é a de abrir o edificio ao público. Outra, a de comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural calquera traslado de bens (móbeis, efectos persoais...) que puidesen ser obxecto de mudanza. Non se pode retirar do edificio nada sen previa autorización. “E o asunto é que, como se sabe, a veciñanza ten denunciado a retirada de bens e de obxectos do interior da casa en furgonetas”, remarca a deputada nacionalista.

O problema, denuncia Queixas, é que 16 meses despois de se ter publicado esta resolución, estes aspectos da orde non se están a cumprir, polo que a parlamentar quere saber “se a Xunta é coñecedora do incumprimento da súa propia resolución a respecto da apertura da Casa Cornide ás visitas públicas”.

Mercedes Queixas na Marcha Cívica Casa Cornide. 7 de novembro de 2020.
Mercedes Queixas, nunha marcha cívica á Casa Cornide

Canto ao continente do palacete, a parlamentar nacionalista inquire o Goberno Galego se os técnicos da Xunta teñen accedido á Casa Cornide “para realizar o inventario dos bens móbeis”.

“No BNG preguntámonos a quen defende o PP na Xunta? Defende o patrimonio colectivo que representa a Casa Cornide na Coruña ou defende a familia dos Franco”, interroga Queixas.

Lembra a parlamentar que en novembro de 2020 o BNG impulsou no Parlamento galego un acordo unánime para declarar BIC a Casa Cornide. Froito desta iniciativa, o DOG publicou en maio de 2021 a incoación do expediente. “Dispoñen de 24 meses para resolver este expediente e levar a termo esta declaración. Porén, 16 meses despois, este expediente continúa sen se resolver”, denuncia Queixas.

“Queremos saber, en definitiva, por que a Xunta non protexe a Casa Cornide, xustamente cando hai poucos días os Franco volveron pór o edificio en venda nun portal inmobiliario”, conclúe.

 

 

O BNG pídelle á Xunta que garanta xa as visitas públicas á Casa Cornide