UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA

Levamos a Pleno a situación do cárcere, pendente da negociación co Estado para lograr a súa reversión gratuíta

Cárcere provincial
O 3 de decembro de 2020, o Pleno do Concello encargou ao Goberno Local, ao aprobar unha moción do BNG, que establecese negociacións co Estado para conseguir a cesión do antigo cárcere ao Concello, unha vez rehabilitado. A iniciativa emprazaba tamén o Executivo coruñés a que demandase do Goberno central o correcto mantemento do centro penitenciario, un edificio de grande valor arquitectónico e simbólico –nel estiveron internados centos de presos políticos durante o franquismo- que ameaza ruína polo estado de abandono en que se atopa. A degradación da vella prisión ten un impacto brutal na contorna da Torre de Hércules, patrimonio da Humanidade e símbolo da nosa cidade.
Levamos a Pleno a situación do cárcere, pendente da negociación co Estado para lograr a súa reversión gratuíta

Algo máis dun ano despois, o BNG volve levar o asunto ao Pleno –na sesión ordinaria que se realizará o próximo xoves 3 de febreiro- para saber “se se iniciaron estas negociacións e se houbo algún avance”, en palabras do portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera.

Jorquera lembra que no seu día o Goberno Local argumentou dificultades de tipo xurídico á hora de lograr a cesión do antigo cárcere (en alusión ás sentenzas xudiciais contrarias á reversión gratuíta ao Concello que, en función do convenio asinado no seu día polo goberno de Francisco Vázquez, obrigarían ás arcas municipais a desembolsar 1,2 millóns de euros para lograr a restitución do inmóbel).

 “Mais esas resolucións xudiciais”, entende Jorquera, non só impiden a “solución política”, senón que pola contra faina máis “necesaria”. “Se non se abrir un escenario de acordo político, o Concello non só tería que pagar polo cárcere [1,2 millóns de euros], senón que tería que asumir a súa rehabilitación, abonar danos e prexuízos e pagar tamén o que custou o Centro de Inserción Social. Algo absolutamente inasumíbel para as arcas municipais”.

“Pedimos acción e concreción”, reclama Jorquera. “Que se lle esixa ao Goberno central que conserve o edificio e o rehabilite e que, logo, llo ceda ao Concello. É unha cuestión de xustiza”.

O voceiro nacionalista salienta que o antigo cárcere está situado en terreos que foron municipais e que acabaron sendo cedidos para usos penitenciarios. “Rematada esa función, o xusto é que nos sexa devolto”, alega.

Para Jorquera, o antigo cárcere, rehabilitado, podería ser un importante espazo sociocultural e de memoria e mesmo, pola súa ubicación, podería albergar un centro de interpretación e de atención aos visitantes da Torre de Hércules.

“Mais o Goberno central, titular da instalación, nin o cede ao Concello nin o rehabilita nin lle dá uso. Prefire actuar como el perro del hortelano, que nin come nin deixa comer”, conclúe.

 

 

Levamos a Pleno a situación do cárcere, pendente da negociación co Estado para lograr a súa reversión gratuíta