EMOTIVO TRIBUTO AO MOZO GALEGUISTA ASASINADO POLO FASCISMO EN SETEMBRO DE 1936
O legado de Pedro Galán Calvete, memoria e futuro
“Vimos aquí para rendermos tributo a Pedro, mais tamén para reivindicarmos o ideario dun mozo moi novo, dun mozo de 19 anos, que foi asasinado polos seus ideais en defensa da Galiza, da democracia, da igualdade e do progreso social”, afirmou na súa intervención a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e ex concelleira do BNG, María Xosé Bravo.
“A de Pedro foi a xeración das e dos imprescindíbeis”, subliñou, a fornada de dirixentes que, mesmo tan novos como este mozo, deron alento á construción das primeiras organizacións de masas do nacionalismo galego. O propio Pedro naceu o mesmo ano en que se formaron as Irmandades da Fala, cofundou con Jenaro Marinhas del Valle as Mocidades Galeguistas na Coruña e participou na fundación do Partido Galeguista.
“Facer memoria é sempre facer xustiza”, resaltou Bravo, quen pediu tamén unha lei galega de memoria histórica, ao tempo que remarcou que “nunca esquerecemos os crimes do fascismo, todo o que nos roubaron”.
O acto-tributo a Pedro Galán Calvete deu comezo cunha ofrenda floral por parte da familia do mozo coruñés. A seguir tomou a palabra André Laxe, responsábel do grupo de barrio do BNG de Monte Alto, a cuxo cargo, e coa colaboración de Galiza Nova da Coruña, correu a organización desta homenaxe. “Se relatamos a historia da auto-organización do noso pobo temos que falar de Pedro”, dixo Laxe quen gabou o enorme activismo, a prol dos nosos dereitos nacionais, máis tamén da normalización da nosa lingua, desenvolvido polo mozo coruñés. “Sempre que repasamos os xornais da época, achamos algo novo de Pedro”, engadiu.
Canda André Laxe e María Xosé Bravo interveu tamén o historiador e militante de Galiza Nova Xaquín Bermello. “Foi un valente. Despois do golpe, non tivo medo e ficou na cidade”, relatou. “Hai que contar esta historia unha e outra vez para nunca máis convertermos a carraxe en medo”, dixo.
Houbo tamén tempo para música, a cargo de Moncho do Orzán, quen coa súa gaita facturou unha moi emotiva interpretación da alborada de Benxamín Fernández Pazos “Pinceladas de Galicia”.
Seus foron os acordes que puxeron o ramo ao acto, desta volta coas notas do Himno Galego, entoado con moito sentimento por todas as persoas asistentes.