ESTE SÁBADO ÁS 12 H NO CEMITERIO DE SANTO AMARO

Todo pronto para rendermos tributo a Pedro Galán Calvete

Acto de homenaxe a Pedro Galán Calvete 2019
Imaxe do acto realizado en 2019
Pedro Galán Calvete tiña apenas 19 anos, era secretario de Organización das Mocidades Galeguistas na Coruña e o fascismo golpista arrebatoulle a vida o 16 de setembro de 1936. Crime cometido? Ser un activista a prol dos dereitos nacionais da Galiza, da mellora das condicións de vida das clases populares e da normalización da nosa lingua.
Todo pronto para rendermos tributo a Pedro Galán Calvete

A súa pegada, o seu compromiso, ficou na memoria colectiva da cidade e continúa a proxectarse sobre o presente e o futuro. Desde 2003 o grupo de barrio do BNG de Monte Alto, co concurso de Galiza Nova, vénlle rendendo tributo no aniversario do seu asasinato.

O acto, como é tradición, vaise realizar este sábado 19 de setembro no Cemiterio de Santo Amaro (12 horas) e nel tomarán a palabra Xaquín Bermello, historiador, militante de Galiza Nova e veciño de Monte Alto, e María Xosé Bravo, presidenta da asociación cultural Alexandre Bóveda e ex concelleira nacionalista. O acompañamento musical correrá a cargo da gaita de Moncho do Orzán.

Con carácter previo ao acto en si, Galiza Nova realizará un roteiro polo interior do cemiterio, onde se achan soterradas figuras relevantes da historia e a cultura do noso país.

 

 

 

 

Todo pronto para rendermos tributo a Pedro Galán Calvete