EMOTIVO TRIBUTO DE XOSÉ LUÍS RIVAS 'MINI' AO CURA DAS ENCROBAS: "MONCHO, TI ESTARÍAS NESTA LOITA"

O legado de Moncho Valcarce, moi vivo no seu 32 cabodano, proxéctase en loitas populares como a que se libra contra Altri

Xosé Luis Mini Rivas. Acto Moncho Valcarce
Xosé Luis Mini Rivas. Acto Moncho Valcarce
Nunca falta o BNG da Coruña á súa cita anual para, no cemiterio de Santo Amaro, render tributo á memoria de Moncho Valcarce (1935-1993), desta volta no seu 32 cabodano, o día do seu 90 aniversario.
O legado de Moncho Valcarce, moi vivo no seu 32 cabodano, proxéctase en loitas populares como a que se libra contra Altri

O discurso de homenaxe desta volta correu a cargo do ex deputado do BNG e músico, unha das grandes voces do país, Xosé Luís Rivas ‘Mini’, quen foi presentado por Isabel Risco.

“Moncho loitou coa xente de abaixo, coa xente do país, coa xente do pobo, por un mundo sostíbel, un mundo xestionado pola xente que pisaba o territorio do país día a día”, afirmou Mini.

 

 

_MMV1068
Momento da ofrenda floral

E esa loita nas Encrobas deu os seus froitos. “El defendeu o máis íntimo, o máis íntimo de todos nós. E devolveunos a esperanza porque vimos nos xornais as fotos daquelas mulleres de pano, vestidas de negro, cun paraugas na man, fronte aos mosquetóns da garda civil, fronte aos tricornios e aos capotes, e vimos que os venceron. Vencéronos porque gañaron a opinión pública, porque a súa causa foi considerada como xusta a pesar de que Naturgy, Fenosa, quen fora, mudan de nome para disimular, instalara alí aquela barbaridade, porque aquilo fora unha barbaridade. Aquilo non era sostíbel”.

A semente que deitou Moncho Valcarce foi fértil e o seu legado proxéctase agora a outras loitas do pobo galego en defensa da terra. “Querémoslle dicir á súa memoria, ao seu espírito, se vaga por aí, que outra vez veñen por nós, veñen por nós con toda a artillaría, todos os carros de combate dos bulos, das mentiras, coa mentira de que a riqueza duns poucos e a pobreza da maioría é a que vai salvar un mundo que se está a suicidar”, engadiu.

Acto en memoria de Moncho Valcarce
O himno nacional fechou o acto

Onte a loita nas Encrobas, hoxe a loita contra Altri e contra o “capitalismo neocolonial que nos inza de eólicos, minas, eucaliptos. Somos ricos en recursos naturais, pero a sociedade galega vai participar desa riqueza?”.

“Moncho”, dirixiuse así Mini a Valcarce, “ti estarías nesta loita, nesta actual, porque é a mesma que a das Encrobas, idéntica, é a subsistencia dun pobo que está en xogo, a subsistencia da nosa identidade, da nosa fala, e sobre todo dun futuro en harmonía co planeta e co nós mesmos. Saúde e Terra, compañeiro”!.

A interpretación do himno galego -após a ofrenda floral sobre a sepultura que acolle os restos mortais de Valcarce- puxo o ramo ao acto.

 

  

O legado de Moncho Valcarce, moi vivo no seu 32 cabodano, proxéctase en loitas populares como a que se libra contra Altri