A lamentábel a actuación do Goberno municipal co mercado de Santa Lucía

A lamentábel a actuación do Goberno municipal co mercado de Santa Lucía

A Coruña, 15 de xaneiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG considera lamentábel a actuación do Goberno municipal respecto á xestión do mercado de Santa Lucía durante estes últimos seis meses.

O BNG considera unha “perda de tempo” e unha “tomadura de pelo” a actuación do Goberno municipal a respecto do mercado de Santa Lucía

As nacionalistas lembran que o 23 de xullo, o Goberno Local da Marea Atlántica resolveu iniciar un expediente de caducidade da concesión polo que a ampliou durante seis meses máis -a maiores dos que o Goberno local do PP xa lle concedera ao concesionario- até o 20 de xaneiro de 2015, requiríndolle ao concesionario que realizase as obras necesarias do mercado.

Sen necesidade de darlle máis prazos á empresa, que xa manifestara a súa falta de intención de realizar as obras, en xullo do ano pasado, desde o Grupo Municipal do BNG lembran que propoñían naquela altura que o Goberno requirise formalmente á empresa concesionaria para que asistise a un acto público de entrega de chaves na presenza dun notario que dese fe pública e diante de técnicos municipais que desen conta do estado do edificio municipal. Para o Bloque, isto permitiríalle ao Goberno facerse cargo da apertura e do peche do mercado mantendo a actividade das praceiras e dos praceiros, que tiñan solicitada a ocupación temporal dos postos, mais á vez poder reclamarlle xudicialmente á empresa que cumpra co arranxo do edificio (nota do 31/07/2015, achégase anexa).

 Veira: “O Goberno da Marea Atlántica perdeu estes seis meses, nos que cambiou de criterio varias veces, incumpriu os acordos plenarios aprobados por unanimidade polo Pleno do Concello, non exerceu a súa responsabilidade a respecto do concesionario e as reformas comprometidas e enganou as praceiras e praceiros que hoxe en día manteñen de forma moi precaria os seus postos de venda”

Neste sentido, á vista dos feitos, á vista de que o concesionario nin realizou as obras necesarias nin tivo intención de facelo, o Grupo Municipal do BNG sinala que a medida do Goberno do 23 de xullo de iniciar o expediente de caducidade da concesión e ampliar a concesión durante seis meses supuxo unha verdadeira “perda de tempo” sobre todo tendo en conta que hoxe non só se acordou a caducidade e polo tanto a reversión da concesión senón tamén que se aprobou exixirlle ao concesionario as cantidades correspondentes polo estado de conservación do edificio.

As praceiras e praceiros de Santa Lucía xunto con Avia Veira

Canto á proposta do concelleiro de Emprego e Economía Social a reubicación das e dos praceiros noutros mercados, o BNG cualifícaa de “tomadura de pelo” pois foi unha proposta que xa desbotaron cando o Goberno local anterior do PP llelo propuxo e tamén a rexeitaron cando en agosto de 2015 volveu propoñérllelo o actual Goberno da Marea Atlántica.

Para o Bloque, tamén supón unha “tomadura de pelo”, e un incumprimento da moción aprobada en outubro de 2014 e ratificada en setembro de 2015, a proposta do concelleiro de subvencionar os alugueres en locais da zona mentres duren as obras sen garantir a posibilidade de que as actuais persoas que hoxe en día realizan a súa actividade dentro do mercado poidan volver ao mercado cando a obra estea rematada.

As nacionalistas denuncian, pois, que o Goberno local estivo facéndolle perder o tempo e enganando as praceiras e os praceiros durante estes seis meses, incumprindo as súas promesas constantemente. “A situación na que queda o mercado e os praceiros agora mesmo, logo de seis meses, e logo do remate da concesión, amosa que o Goberno abandonou á súa sorte a este colectivo, que mesmo terá que seguir encargándose da limpeza e do peche e apertura do mercado malia que a xestión volva ser municipal”, conclúe Avia Veira.

 

Enlaces:

Moción aprobada 2014    -    Moción aprobada 2015    -    Nota prensa do BNG do 31/07/2015

 

Noticias relacionadas:

A lamentábel a actuación do Goberno municipal co mercado de Santa Lucía