Veira: É insostíbel que se prorroguen indefinidamente os orzamentos do PP de 2015"
A Coruña, 14 de xaneiro de 2016.- Se é verdade que se queren facer políticas diferentes é insostíbel ter prorrogados indefinidamente os orzamentos do 2015, aprobados polo PP: uns orzamentos antisociais, sen investimentos reais nas persoas nin nos barrios e destinados a pagar os empréstitos derivados dos dispendios do Partido Popular que provocaron que o Concello da Coruña aumentase a súa carga financeira así como a súa débeda viva, indica Avia Veira.
O Grupo Municipal do BNG lembra que as prioridades dos Orzamentos para o 2016 deben ser, entre outras, as políticas sociais, a promoción do comercio local e dos mercados municipais, a creación de emprego ou os investimentos nos barrios
O Grupo Municipal do BNG aposta porque se elaboren para o 2016 uns orzamentos nos que se prioricen, entre outros investimentos, as políticas sociais, a creación de emprego a promoción do comercio local e dos mercados municipais ou os investimentos nos barrios.
As nacionalistas consideran fundamental que se fagan uns orzamentos participativos que integren as propostas dos barrios e da veciñanza
Deste xeito, as nacionalistas indican que é imprescindíbel que co orzamento se reforcen os servizos sociais públicos, a súa descentralización e a dotación de cartos públicos para que existan programas propios de loita contra a pobreza como un Plan Integral de Inclusión Social, así como destinar partidas específicas para axudar as persoas con dificultades no acceso á vivenda. Por outra banda, e respecto á promoción económica, o BNG considera que deben ser incluídos investimentos destinados á promoción e a dinamización do comercio local e os mercados municipais, a potenciar a creación de emprego nos servizos públicos locais e a formación para o emprego destinada ás persoas desempregadas.
Así mesmo, o BNG sinala tamén, que é imprescindíbel que o Goberno consulte coas AAVV e a veciñanza para ver cales son as necesidades dos barrios, e facer destes orzamentos uns orzamentos participativos onde teñan cabida as propostas da xente e que inclúan investimentos para acometer melloras necesarias e que respondan ás necesidades reais dos barrios.
Veira: É insostíbel que se prorroguen indefinidamente os orzamentos do PP de 2015, uns orzamentos antisociais, sen investimentos reais nas persoas nin nos barrios
O Grupo Municipal do BNG conclúe que esta situación de incertidume é responsabilidade exclusiva do Goberno local que segue instalado na mesma dinámica das negociacións do acordo de organización e na mesma liña que na negociación do modificativo de crédito, dúas circunstancias das que parece non terse aprendido nada, nin se pretende aprender nada. As nacionalistas engaden ademais que é hora de pensar no ben da cidade, nos intereses das coruñesas e dos coruñeses, pois moitas asociacións e entidades sociais están pendentes da aprobación dun orzamento novo que posibilite a continuidade da súa actividade e dos seus servizos.
Artigos relacionados: