INQUIRIDO POR FRANCISCO JORQUERA
Lage contradí Inés Rey: "Por que lle imos cambiar o nome ao Teatro Colón? Por que desvestir un santo para vestir unha santa?"
Pois ben, hoxe o portavoz do Goberno Local deixou claro que a liña neste asunto non mudou e que, en todo caso, prevalece o criterio establecido polo grupo socialista o 10 de marzo e non o afirmado por Inés Rey o 21 de novembro.
“O Goberno Local xa deixou claro este asunto neste mesmo salón de plenos. Non sei que manía lle colleron ao Teatro Colón e á historia. Está todo no mesmo sitio que quedou a última vez”, respondeu Lage á pregunta formulada a este respecto polo portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.
A resposta de Lage non puido ser máis contraditoria. Por unha banda, tentou fixar a idea de que non desautoriza a alcaldesa, “se vostede pensa que o señor Díaz Gallego [quen en twitter criticou a mudanza do nome do Colón] ou eu mesmo imos contradicir a señora alcaldesa, sabe que perde o tempo”, mais por outra deixou claro que en absoluto comparte a posición expresada por Inés Rey durante o acto de presentación do documentario de Xavier Villaverde. Isto é, darlle o nome de María Casares a outro espazo teatral ou cultural da cidade, si; darlle o nome de María Casares ao Teatro Colón, non.
“Se o Teatro Colón, non tivese nome, pois habería un amplo consenso para dedicarlle tan emblemático espazo á nosa actriz”, engadiu Lage como se houbese algunha posibilidade de a cidade ter un teatro anónimo. “Por que imos desvestir un santo para vestir a outra santa?”, inquiriu.
En definitiva, Lage pediulle ao BNG que “deixen a Cristóbal Colón tranquilo, deixen o Teatro Colón que forma parte do imaxinario colectivo desta cidade” e propuxo como alternativa procurar “un sitio axeitado, nobre, singular” para levar o nome de María Casares.
En defensa da súa argumentación, Jorquera resaltou que “á marxe da valoración que a cada un de nós nos mereza a figura histórica de Cristóbal Colón, non hai nada que o vencelle coa Coruña”.
“En cambio, como dixo Xosé Barato, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, ligar o nome de María Casares a un dos grandes teatros da cidade que a viu nacer sería un gran recoñecemento e facelo neste ano do centenario tería un simbolismo aínda maior”, concluíu