O Pleno de decembro aproba as tres mocións do BNG
Que se retomen as obras do núcleo de Elviña –na contorna do lavadoiro e a fonte- en diálogo coa veciñanza e que se poñan en valor os bens de interese etnográfico do lugar, a comezar polo cruceiro de Carracedo, danado durante os traballos. Ese era o cerne da primeira das mocións defendidas polo BNG nesta sesión, da autoría de Avia Veira.
Unha iniciativa, explicitou Veira, que nace dunha visita do BNG ao núcleo de Elviña e do contacto que alí se produciu coa veciñanza. As obras, encetadas en novembro de 2021, paralizáronse en xullo deste ano sen que se albisque a súa continuación. A moción perseguía precisamente pór deberes ao Goberno Local para a inmediata retoma dos traballos.
Canto á moción de Correos, defendida polo noso voceiro, Francisco Jorquera, o obxectivo era prestar apoio ás mobilizacións dos traballadores, demandar do Estado o reforzo dos medios humanos e materiais das 9 oficinas de que dispón esta empresa pública na nosa cidade e expresar a oposición da Corporación a calquera tentativa de privatización deste servizo.
Unha representación da CIG Correos, cuxa presenza saudou Jorquera no comezo da súa intervención, acompañou o debate da moción desde a tribuna do público.
Finalmente, Avia Veira defendeu unha moción sobre a mobilidade metropolitana que pivotou sobre dous esteos. O primeiro, instar o Goberno Local a que esclarecese de vez a súa posición sobre a pasarela a Oleiros. O segundo, comprometer o rol activo do Concello na conformación das obras planificadas para ampliar a Ponte Pasaxe e reformar a Avenida da Vedra, de modo a que se implanten nelas carrís VAO, isto é, unha sorte de carril bus nesas vías de alta capacidade.
O propósito, en todo caso, ten de ser o de ir reducindo o uso do vehículo privado e priorizar o do transporte público, defendeu Avia Veira.
Canto ao posicionamento do Concello sobre a pasarela, o concelleiro de Urbanismo manifestou que o Goberno Local é partidario da instalación dunha estrutura peonil e ciclista na parte inferior da Ponte Pasaxe.