E O IMPULSO Á IMPLANTACIÓN DE SERVIZOS DE PROXIMIDADE
Jorquera pídelle á alcaldesa que aproveite a visita da ministra para lle demandar a condonación da débeda do porto
A ministra visitou o Pazo de María Pita para asinar a licitación do enlace ferroviario ao porto exterior.
“Congratulámonos de que se dea este paso, aínda que temos que dicir que non foi sen tempo”, afirmou Jorquera. “Quero lembrar que no Acordo de Investidura de Pedro Sánchez subscrito no Congreso polo BNG e o PSOE figuraba, entre os compromisos a impulsar nesta lexislatura, os accesos ferroviarios aos portos exteriores, no caso da Galiza, os de Ferrol e A Coruña”, engadiu.
Mais hai un tema pendente que era ben que se lle formulase á ministra por parte da alcaldesa: a condonación da débeda do porto da Coruña pola construción de Punta Langosteira, tal e como aconteceu co débito da dársena de València.
“A presenza da ministra na nosa cidade é unha oportunidade de ouro que a alcaldesa non pode desaproveitar. Tenlle que pedir a condonación da débeda ou unha solución análoga, isto é, que o Estado invista na transformación do porto interior unha cantidade equivalente ao débito -200 millóns de euros- contraído pola Autoridade Portuaria pola construción dunha infraestrutura cuxa construción foi decidida por un Consello de Ministros”, dixo Jorquera.
O portavoz do BNG no Concello fixo estas declaracións nun encontro cos medios nas Xubias de Abaixo, ao pé dos camiños de ferro. Fíxoas na compañía do noso deputado no Congreso, Néstor Rego, co que protagonizou un breve acto a prol do tren de proximidade para a nosa cidade e comarca en particular e para a Galiza en xeral.
“Alén da condonación da débeda, a alcaldesa tería de lle esixir á ministra que se impulse a implantación de servizos ferroviarios de proximidade na nosa área”, defendeu Jorquera. “Na Coruña”, estendeuse, “hai un fluxo diario de máis de 100 mil vehículos que entran e saen da cidade. Ese é un modelo insustentábel. Dispomos felizmente dunha infraestrutura, duns camiños de ferro, que nos pode conectar co campus universitario, cos polígonos industriais, que pode chegar mesmo até o corazón da cidade. Só hai que poñela en valor. Ese é un modelo de transporte verdadeiramente social e desde logo moito máis respectuoso co medio ambiente”, concluíu.