Jorquera insta o Goberno Local a que garanta a continuidade do mercado ecolóxico e de proximidade de Santo Agostiño

Mercado de Santo Agostiño
Interior do Mercado de Santo Agostiño [Foto: Tenreiro, Quince Mil]
A continuidade do mercado ecolóxico e de proximidade de Santo Agostiño non está asegurada sendo que neste mes de abril vence a concesión e a empresa que o xestiona non estaría interesada en optar á renovación do contrato polas elevadas taxas que tería de aboar.
Jorquera insta o Goberno Local a que garanta a continuidade do mercado ecolóxico e de proximidade de Santo Agostiño

É por isto que o portavoz do BNG no Concello e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, vén de rexistrar un rogo oral, para a súa lectura no Pleno do vindeiro xoves 13 de abril, por medio do cal insta o Goberno Local a que “realice cantas xestións sexan necesarias para asegurar a continuidade do mercado ecolóxico e de proximidade de Santo Agostiño”.

Jorquera empraza o Goberno Local a que nesa dirección se reúna canto antes “coas persoas produtoras” que venden o froito do seu traballo “no devandito mercado”, con vistas a “consensuar fórmulas que aseguren a súa continuidade”.

Na exposición de motivos, lembra Jorquera que o mercado de Santo Agostiño alberga semanalmente desde 2015 un mercado de produtos ecolóxicos e de proximidade. Un espazo que “permite aos produtores da Coruña e da súa contorna exhibir e vender os seus produtos, fomentando a economía de proximidade e o consumo de alimentos ecolóxicos e saudábeis”.

Permite tamén potenciar un edificio singular, o mercado de Santo Agostiño, “obra dos arquitectos Santiago Rey Pedreira e Antonio Tenreiro, convertido desde a súa construción nos anos 30 do século XX nun referente de modernidade arquitectónica nunha zona emblemática da cidade, con destaque para a súa cuberta parabólica, inspirada no Mercado de Reims”, conclúe Jorquera.

 

 

 

 

Jorquera insta o Goberno Local a que garanta a continuidade do mercado ecolóxico e de proximidade de Santo Agostiño