ABERTO Á INCORPORACIÓN DE PERSOAS QUE QUEIRAN COLABORAR CON INICIATIVAS A PROL DA VECIÑANZA

Bota a andar o grupo de barrio do BNG da Gaiteira e os Castros

Imaxe aérea do peirao de Oza desde o barrio dos Castros
Imaxe aérea do peirao de Oza desde o barrio dos Castros
Afiliadas e afiliados do BNG que viven nos barrios da Gaiteira e Os Castros decidiron constituírse formalmente como Grupo de Barrio da organización nacionalista, creando unha estrutura organizativa estábel que se reunirá periodicamente para debater sobre asuntos de actualidade relacionados con estas zonas da Coruña e impulsar todo tipo de iniciativas políticas arredor deses asuntos.
Bota a andar o grupo de barrio do BNG da Gaiteira e os Castros

A intención do Grupo de Barrio, a semellanza dos xa constituídos noutras áreas da cidade, é funcionar como unha canle aberta á participación de veciñas e veciños que se identifiquen co proxecto do BNG e queiran colaborar desde este espazo de traballo e iniciativas políticas, tanto da Gaiteira e Os Castros como de barrios limítrofes como o Montiño, Casabranca, San Diego, A Cubela, o Monte das Moas ou mesmo As Xubias.

Nacho Siota
Nacho Siota,membro do novo Grupo de Barrio e número 5 da nosa candidatura o 28M

O novo Grupo de Barrio da Gaiteira e Os Castros, un de cuxos integrantes, Nacho Siota, veciño da Gaiteira, integra a candidatura do BNG no posto número 5, bota a andar expresando o seu interese en asuntos como o futuro inmediato da fachada portuaria en San Diego, a dinamización económica do barrio, os graves problemas de accesibilidade en varias rúas, as necesidades de centros educativos como o CEIP Sal Lence, o deterioro de espazos públicos como o Parque Europa, a necesidade dunha solución para as galerías que comunican a Avenida de Oza coa rúa da Mercé, a recuperación da Capela de Oza como equipamento público, a afección patrimonial dos novos accesos ao CHUAC sobre o Pazo de Guyatt nas Xubias ou o risco medioambiental que suporía para as augas de Oza a planta de tratamento de hidrocarburos prevista na contorna.

 

 

 

Bota a andar o grupo de barrio do BNG da Gaiteira e os Castros