UNHA INICIATIVA PARA O #PLENOFEBREIRO DO XOVES 12F

Jorquera insta o Goberno Local a que comece xa a negociación sobre o cárcere

Antigo cárcere da Coruña
Un aspecto da vella cadea, coa Torre de Hércules ao fondo
No Acordo Político que acompaña os orzamentos do Concello para 2026, e a proposta do BNG, figura o compromiso do Goberno Local de iniciar unha nova negociación sobre o antigo cárcere.
Jorquera insta o Goberno Local a que comece xa a negociación sobre o cárcere

No Acordo Político que acompaña os orzamentos do Concello para 2026, e a proposta do BNG, figura o compromiso do Goberno Local de iniciar unha nova negociación sobre o antigo cárcere.

Trátase agora da materialización dese compromiso, de aí que o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera, vaia levar o asunto ao Pleno deste xoves, en forma de pregunta oral co seguinte texto: “Que vai facer o Goberno Local para dar cumprimento ao acordo político entre os grupos municipais do PSdeG-PSOE e o BNG para a aprobación dos orzamentos municipais de 2026, no relativo ao antigo cárcere?”.

A xuízo do BNG, a situación da vella prisión “non é de recibo”. A ausencia de medidas de conservación e mantemento por parte do titular do edificio, o Estado, fai que o cárcere se ache “nun estado de total abandono e ameaza de ruína”, describe Jorquera. “Estamos a falar dun ben catalogado, situado na contorna dun monumento declarado Patrimonio da Humanidade e dun Espazo Natural de Interese Local”, engade.

“A cidade da Coruña”, remarca, “non pode permitir o seu estado de degradación”.

Cómpre, pois, conseguir a cesión do antigo cárcere e facelo nunhas “condicións dignas”. “Logralo é unha cuestión de vontade política”, subliña Jorquera.

WhatsApp Image 2026-02-10 at 12.08.42

E os precedentes son múltiples: “En Granada o Estado devolveu os terreos do antigo cárcere ao Concello de xeito gratuíto, mentres que en Soria hai neste momento negociacións avanzadas para transformar o edificio nun recinto ferial, o mesmo que acontece en Zamora, coa cesión dunha parte do cárcere para usos culturais”.

A vontade política ten que partir do Goberno Local, recalca Jorquera. “Hai que facer valer perante a Administración central o peso político do que tanto se gaba a alcaldesa. E o Concello ten que utilizar as ferramentas que ten ao seu alcance para forzar esa negociación”, esténdese.

Ao BNG parécelle obvio que se o inmóbel é de titularidade estatal lle corresponda á administración central “o deber de asegurar o seu mantemento e conservación”.

É por iso que o Concello ten que garantir o cumprimento desas obrigas por parte do titular do edificio, sen desbotar “a adopción de medidas forzosas e a apertura do correspondente expediente sancionador”, tal e como apuntaba unha moción do BNG que foi aprobada por unanimidade en xuño de 2025.

“O edificio do cárcere, pola súa situación, o seu valor arquitectónico e a súa significación histórica, debería ser un espazo público de primeira orde na cidade da Coruña”, conclúe Jorquera.

 

 

 

 

 

 

Jorquera insta o Goberno Local a que comece xa a negociación sobre o cárcere