UNHA INICIATIVA PARA O #PLENOFEBREIRO

Avia Veira pregúntalle ao Goberno Local se vai defender a veciñanza de Monte Mero diante da Xunta

Encontro de Avia Veira coa veciñanza de Monte Mero. Febreiro de 2026,
Eis unha imaxe do encontro de Avia Veira coa veciñanza atinxida polos planos urbanísticos da Xunta para Monte Mero
A concelleira do BNG Avia Veira vaille dirixir ao Goberno Local no Pleno de mañá a seguinte pregunta: “Está a defender o Goberno de Inés Rey diante da Xunta que as veciñas do Monte Mero podan permanecer nas súas casas?”.
Avia Veira pregúntalle ao Goberno Local se vai defender a veciñanza de Monte Mero diante da Xunta

Explica Veira que o BNG formula esta pregunta após se reunir coa veciñanza afectada polo desenvolvemento urbanístico promovido pola Xunta en Monte Mero.

“Transmitíronnos a súa indignación porque tanto o PP, desde a Xunta, como o PSOE, desde o Goberno Local. se pasan a pelota os uns aos outros, sen escoitar o que as veciñas e veciños teñen que dicir e sen lles dar ningunha solución satisfactoria”, refire Veira.

En realidade, Inés Rey prometeulle á veciñanza que mantería unha reunión a tres bandas -ou sexa, coa participación do Goberno galego- “para que as propias veciñas visen como si as defendía diante da Xunta”.

A reunión non se produciu e en decembro pasado a alcaldesa comunicoulles que o encontro sería só coa veciñanza, neste mes de febreiro. A día de hoxe as veciñas e veciños que queren manter as súas casas aínda non foron convocadas a esa xuntanza.

“Desde logo desde o BNG non imos consentir que á xente de Monte Mero lle pase o mesmo que a de Elviña afectada polo desenvolvemento do coñecido como Parque Ofimático”, remarca Veira.

“Claro que se pode atopar unha solución a este problema, respectando a sustentabilidade na promoción das vivendas protexidas e a primeira que debería pelexar por ese obxectivo é a alcaldesa”, conclúe a concelleira.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Avia Veira pregúntalle ao Goberno Local se vai defender a veciñanza de Monte Mero diante da Xunta