AVIA VEIRA LEVARÁ A INICIATIVA AO #PLENOFEBREIRO DESTE XOVES 12F

Unha moción sobre BiciCoruña feita convosco

Conferencia de prensa Avia Veira sobre BiciCoruña
Un momento do encontro cos medios
A concelleira do BNG Avia Veira ofreceu esta mañá unha conferencia de prensa para presentar unha moción encamiñada á mellora de BiciCoruña e que foi redactada a partir das achegas que as coruñesas e coruñeses lle foron facendo ao grupo municipal nacionalista a través de distintas canles de participación, desde as redes sociais até o correo electrónico ou o teléfono.
Unha moción sobre BiciCoruña feita convosco

Foi un vídeo de Avia Veira pendurado o pasado 26 de xaneiro nas redes sociais do BNG da Coruña -unha peza que superou as dúas mil visualizacións- o pórtico dun proceso participativo “pequeno, pero moi intenso”. “Estamos moi contentas do grande número de achegas que recibimos, a partir do cal elaboramos a moción que se debaterá no pleno deste xoves”, afirmou Veira.

“Na Coruña a mobilidade tense que construír desde a participación cidadá. A grande resposta á nosa iniciativa demostra que a xente ten moitas ganas de que se escoite a súa voz”, completou.

Se houber que sintetizar as demandas cidadás sen dúbida o denominador común sería a petición ao Goberno Local de destinar máis recursos materiais, tamén máis persoal, a un servizo que “xa pertence ao día a día de moitas coruñesas e coruñeses”. Por resumilo: “Hai moita xente que valora positivamente BiciCoruña, mais ao mesmo tempo entende que debe mellorar”.

"Na Coruña a mobilidade tense que construír a partir da participación cidadá. A xente ten moitas ganas de que se escoite a súa voz. As principais demandas, que se destinen máis recursos para mellorar a prestación do servizo e que aumente o horario”

De feito, Avia Veira -responsábel de mobilidade dentro do grupo municipal nacionalista- tomou a decisión de impulsar esta moción perante a evidencia de haber moitas queixas na cidade sobre o funcionamento do servizo: falta de bicicletas en horas punta, estacións saturadas, barrios sen cobertura ou problemas de mantemento.

Non vai ser este xoves a primeira vez que o BNG leve ao Pleno este asunto, mais nas ocasións anteriores a única resposta do Goberno Local foi a autocompracencia e ausencia total de autocrítica. “É por iso que nos facemos eco da voz das coruñesas e coruñeses que se puxeron en contacto connosco por distintas vías. As súas achegas ímosllas trasladar directamente a Inés Rey a través desta moción”, engadiu.

Milagre plenario

O curioso -e o asunto foi suscitado por un dos xornalistas presentes na conferencia de prensa- é que o mesmo día en que Veira comparecía ante os medios, Inés Rey facía unha convocatoria para ofrecer o seu balance sobre BiciCoruña.

“Nós a conferencia de prensa convocámola o venres... Non sei se non falar dun novo milagre plenario, os que se producen cando o BNG leva un asunto ao Pleno e o Goberno Local lembra de súpeto que ten que actuar...”, ironizou Veira.

Os puntos da moción

Son oito: cumprir o acordo orzamentario de 2026 -negociado polo BNG e o PSOE- para Emalcsa e Emvsa contribuír á sustentabilidade económica de BiciCoruña; aumentar os recursos materiais do servizo e o persoal que nel traballa; ampliar o horario de uso, pola noite até as dúas da madrugada e pola mañá desde as 6 horas; incrementar o número de bicis e repartir as eléctricas polos distintos barrios para evitar a súa acumulación no centro; elevar o tempo de uso gratuíto; eliminar os cinco minutos que teñen que pasar entre que se deixa unha bici e se colle outr; instalar estacións nos campos universitarios e na estación de tren provisoria e traballar cos concellos da comarca para as bicis poderen chegar até eles.

 

 

 

 

 

 

Unha moción sobre BiciCoruña feita convosco