EMULANDO A CUESTIÓN QUE O MÍTICO LOLO GANTES LLE DIRIXIU A ARSENIO IGLESIAS
Jorquera faille ao Goberno Local a pregunta total: "Sobre a Casa Cornide, que?"
A pregunta total é a que no seu día inmortalizara o malogrado e mítico xornalista deportivo coruñés Lolo Gantes, cando, nunha conferencia de prensa e dirixíndose ao naquela altura adestrador do Deportivo, inquirira: “Arsenio, que?”.
Pois iso mesmo preguntará Jorquera no Pleno deste xoves ao Goberno Local. “E formulamos así a pregunta”, esclarece o voceiro nacionalista no Concello, “porque xa non sabemos como preguntarlle ao Goberno de Inés Rey pola Casa Cornide para que dea unha resposta concreta”.
Para pórmos o asunto en antecedentes é ben lembrarmos que no primeiro pleno deste mandato, setembro de 2019, a Corporación aprobou por unanimidade unha moción do BNG en que se instaba o Goberno Local a “iniciar os trámites para interpor unha demanda para reclamar a restitución ao Concello da Coruña da titularidade da Casa Cornide, usurpada polos Franco”.
Pois ben, desde 2020 o Goberno Local dispón dun estudo histórico e dun informe xurídico sobre as vías de recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público.
Mais mesmo así, nada de nada até o de agora, o Concello continúa sen presentar a demanda para o palacete voltar ao patrimonio municipal. E iso a pesar de que, apunta Jorquera, “no que levamos de mandato esta é a sexta vez que preguntamos pola cuestión”. E preguntamos de todos os xeitos posíbeis, “do dereito e do revés”, obtendo no mellor dos casos evasivas por toda resposta.
“Por iso”, remarca o noso voceiro, “pedímoslle ao Goberno Local que nos esclareza se vai presentar a demanda e se o vai facer antes de rematar o mandato”.
Resalta Jorquera que “a loita cívica e a iniciativa das institucións implicadas conseguiu a recuperación do Pazo de Meirás” e que sería unha “vergoña” que non acontecese o mesmo coa Casa Cornide.
Vergoña que tería, se se consumar, un claro responsábel: o Goberno de Inés Rey por se inhibir de actuar, “incumprindo o mandato do Pleno do Concello”, conclúe Jorquera.