UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA NO #PLENOXANEIRO

Pola reapertura inmediata ao público do Xardín do Observatorio!

Avia Veira e Francisco Jorquera diante do xardín do Observatorio
Mobilización do BNG diante do Xardín do Observatorio
A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou unha moción, para o seu debate no Pleno ordinario do vindeiro xoves 12 de xaneiro, por medio da cal insta o Goberno Local a que negocie co Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) a apertura do xardín do Observatorio Meteorolóxico á veciñanza da Agra do Orzán, un espazo do que a xente deste barrio gozaba antes da pandemia.
Pola reapertura inmediata ao público do Xardín do Observatorio!

Neste momento, carece de sentido que o xardín continúe fechado ao público nun barrio que é dos máis densamente poboados de Europa e que se caracteriza pola ausencia absoluta de zonas verdes.

De feito, o Pleno do Concello xa aprobou por unanimidade, en xuño pasado, unha moción do BNG en que se demandaba “facer do Observatorio unha gran zona verde e parque público libre de novas edificacións no que se aproveiten as edificacións que xa non empregue o Observatorio Meteorolóxico”. E é que cos novos sistemas de medición, dixitais, o Observatorio xa non precisa utilizar un globo, polo que o espazo exterior disponíbel para ese parque podería ser maior, remarca na súa iniciativa Avia Veira, quen critica o Goberno Local por non ter feito nada durnate estes meses por dar cumprimento ao pronunciamento plenario.

Alén desa moción de xuño, o propio Goberno Local, no seu documento sobre a Axenda Urbana 2030 -en aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostiíbel da ONU- fai unha referencia concreta ao Parque do Observatorio como unha actuación que pode servir para a mellora da calidade ambiental do barrio da Agra do Orzán.

"O que vemos é que antes da COVID-19, a situación era mellor e a veciñanza da Agra do Orzán tiña ao seu dispór máis espazo verde e libre. Agora, despois dunha pandemia que puxo de relevo a necesidade de contarmos con espazos amplos e ao ar libre e logo de aprobar o Goberno Municipal un documento que recolle a necesidade de ter esta zona verde neste barrio, a situación é peor. Tampouco está o Executivo de Inés Rey a cumprir co recollido na moción que se aprobou en xuño de 2022", conclúe Avia Veira.

Pola reapertura inmediata ao público do Xardín do Observatorio!