Jorquera: "O Complexo Deportivo do Castrillón corre o risco de ser a versión coruñesa do aeroporto de Castellón"
Así o denuncia o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera. “En Castellón fíxose un aeroporto sen avións, aquí un Complexo Deportivo sen deportistas nen persoas aboadas”.
A razón? “A ineficacia do Goberno Local. No seu día, encargou a EMVSA un estudo sobre a fórmula máis idónea de xestionar o centro. A conclusión do estudo é que o modelo máis eficiente e acaído sería a xestión directa por parte da propia EMVSA. Perfecto. Mais para iso era e é precisa unha ampliación de capital desa empresa municipal”, advirte Jorquera.
A ampliación de capital non se concretou aínda porque o Goberno Local, pese a ser coñecedor desta circunstancia, non ten feito os trámites para levar a Pleno un modificativo de crédito que permita á Empresa Municipal de Vivenda Servizos e Actividades dispor do financiamento preciso para se facer coa xestión deste complexo deportivo.
“Estamos”, analiza Jorquera, “ante máis unha consecuencia dunha decisión errónea do Goberno Local, a de no seu día ter prorrogado os orzamentos do Concello, decisión errónea que se viu amplificada por non ter impulsado as modificacións nos orzamentos precisas para atender as necesidades desta cidade”.
É por todo isto que o portavoz do BNG inquirirá o Goberno Local no pleno do vindeiro 6M sobre esta cuestión. “Cal é a razón polo que o Goberno Municipal non iniciou aínda os pasos para proceder á ampliación de capital de EMVSA, imprescindíbel para a apertura do complexo deportivo do Castrillón”, reza o texto da pregunta.