PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA PARA O PLENO 6M
Ten o Goberno Local un proxecto cultural claro?
É por iso que o grupo municipal nacionalista vaille dirixir unha pregunta oral ao executivo coruñés no vindeiro Pleno do 6M: “Ten o Goberno Local un proxecto cultural claro para pór en valor todo o potencial da nosa cidade?”.
“Temos toda a sensación de que ese proxecto cultural claro non existe. E é unha mágoa porque como cidade temos un enorme potencial, o de sermos a capital cultural da Galiza”, indica Veira.
Estes días atrás viviuse, ademais, un novo episodio da crise na Concellaría de Cultura, coa marcha do director de área Rómulo Sanjurjo. “O que estamos a ver é que desde o Concello non existe capacidade para contribuír en positivo a que os axentes culturais da cidade liberen todas as súas potencialidades. O Goberno Local -e máis en concreto a alcaldesa, quen, lembremos, asumiu todas as competencias de Cultura- tense que pór xa as pilas”, alega a concelleira nacionalista.
“Temos infraestruturas moi potentes –o Ágora, o Coliseu, os teatros Rosalía e Colón, o propio espazo público en que se poden programar actos ao ar libre...- e temos moito talento entre as creadoras e os creadores. Falta tristemente impulso político desde o Concello”.
Un exemplo desa ausencia de impulso: “Esta fin de semana na Coruña non houbo unha programación específica arredor do Día do Libro, o que contrasta coas festas e ferias que se axendaron noutras cidades galegas. E iso é un erro imperdoábel tendo en conta o vigor que ten o sector do libro na nosa cidade”, conclúe.