Jorquera e Aymerich esíxenlle á Xunta que defenda os postos de traballo na fábrica de armas
A Coruña, 27 de febreiro de 2013.- O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, e mais o viceportavoz, Carlos Aymerich, visitaron na noite de onte, á saída da sesión plenaria da Cámara galega, os traballadores pechados na fábrica de armas como actuación de protesta contra a decisión de General Dynamics de pechar a planta da Coruña. Os parlamentares nacionalistas, que lles trasladaron aos empregados o apoio incondicional do BNG e lles amosaron o rexeitamento frontal e absoluto ao peche das instalacións, esíxenlle á Xunta de Galiza que defenda, con contundencia, o mantemento dos postos de traballo na fábrica de armas, máxime, tendo en conta que o centro da Coruña é o único que pecha en todo o Estado español.
Ademais de solicitar a implicación da Xunta de Galiza, os nacionalistas, que estaban acompañados pola concelleira María Xosé Bravo, reclaman a intervención absoluta do Goberno central. Advirten de que nin o Ministerio de Industria nin o de Defensa poden mirar cara outro lado e lavarse as mans, amparándose en que a decisión do peche da planta da Coruña incumbe a empresa privada. Así, rexeitan as declaracións do delegado do Goberno en Galiza, quen defende que non se interveña ante a multinacional estadounidense para evitar o peche. Os parlamentares do BNG sinalan que o Goberno central non pode inhibirse porque a venda da Empresa Nacional Santa Bárbara a General Dynamics tivo lugar baixo uns compromisos que a compañía multinacional non cumpriu e os terreos en que se asenta a planta da Coruña son propiedade do Goberno central.
Pola outra banda, Jorquera e Aymerich consideran que a clave para evitar o peche das instalacións pasa por reconverter a produción ao eido civil. Salientan que habería grandes posibilidades de fabricar compoñentes para sectores civís, como o aeronáutico.