PATRIMONIO

Interesámonos polos edificios de estilo modernista da avenida de Oza

Situación actual dos edificios de estilo modernista na avenida de Oza
Situación actual dos edificios de estilo modernista na avenida de Oza

Vimos de trasladar ao Goberno municipal a nosa preocupación polo estado de abandono destes dous edificios, catalogados con nivel de protección estrutural no PXOM, e preguntámoslle que actuacións se están realizando desde a concellaría de Rexeneración Urbana para a impedir a declaración de ruína

Entendemos que pode existir un presunto abandono intencionado polo actual propietario co obxecto de promover unha especulación urbanística. Para nós é unha mágoa que se perda de xeito intencionado, por culpa de intereses especulativos e por inacción da concellaría de Rexeneración Urbana, parte do noso patrimonio urbanístico, sobre todo porque estamos a falar de dúas edificacións modernistas de principios do século XX e que recibiron a influencia do arquitecto Pedro Mariño

Interesámonos polos edificios de estilo modernista da avenida de Oza

Vimos de rexistrar esta mañá unha iniciativa (podes descargala premendo aquí) na que amosamos a nosa preocupación polo estado actual dos dous edificios de estilo modernista da avenida de Oza, situados a altura dos números 150 e 152, respectivamente.

Deste xeito, preguntamos ao Goberno municipal que actuacións se están realizando desde a concellaría de Rexeneración Urbana a respecto de impedir a declaración de ruína destas dúas edificacións.

Estas dúas obras, de estilo modernista, teñen o nivel de protección estrutural segundo o PXOM actual, e malia o seu interese de carácter histórico ao ser considerados ambas “representantes da arquitectura de principios de século XX”, e o seu interese arquitectónico “fermoso exemplo da arquitectura, cheo de detalles e elementos decorativos, apreciándose a influencia do arquitecto Pedro Mariño”, de acordo ao Catálogo da Revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente, en ambos casos o estado de conservación cualifícase como “malo”, evidenciándose un moi grave e intencionado desleixo na súa conservación.

Nas nosas preguntas sinalamos que desde o ano 2002 existe un continuado proceso de denuncia da situación que incluso ten chegado até o Valedor do Pobo e mesmo conduciu á interposición dunha sanción aos actuais propietarios do edificio do número 152 no ano 2014, polo que a situación de desleixo é continuada e advertimos que de non se actuar o dano final podería chegar a ser irreversíbel, asemade de comezar xa, dada a situación na que se atopa na actualidade o edifico, a preocupar á veciñanza da zona polo risco da posibilidade de derrubamentos e desprendementos destas edificacións.

Por último, tamén denunciamos que na actualidade, anclado á fachada lateral do edificio do número 152, colocouse un valado publicitario de grandes dimensións, e preguntamos que como este edificio ten nivel de protección II, protección estrutural,  se a colocación deste valado foi solicitada debidamente, quen autorizou esta colocación, se existe algún informe que o avale e se este valado está afectando á estrutura da edificación provocando un deterioro maior.

Entendemos que pode existir un presunto abandono intencionado polo actual propietario co obxecto de promover unha especulación urbanística. Para nós é unha mágoa que se perda de xeito intencionado, por culpa de intereses especulativos e por inacción da concellaría de Rexeneración Urbana, parte do noso patrimonio urbanístico, sobre todo porque estamos a falar de dúas edificacións modernistas de principios do século XX e que recibiron a influencia do arquitecto Pedro Mariño.

A Coruña, 10 de marzo de 2017

Interesámonos polos edificios de estilo modernista da avenida de Oza