ENSINO

Participamos das mobilizacións contra a LOMCE

Momento da manifestación na súa saída desde a praza de Vigo
Momento da manifestación na súa saída desde a praza de Vigo

Chamamos a participar das actividades da xornada de hoxe convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra a LOMCE, contra os recortes e a prol dunha Lei galega de educación

O PP insiste na aplicación da LOMCE malia que a maior parte da comunidade educativa a rexeitamos e malia a decisión do Congreso dos Deputados de paralizala. Consideramos, pois, que é necesario seguir na loita como única maneira de conseguir a derrogación definitiva desta lei absolutamente regresiva, a desaparición das reválidas, a paralización dos recortes no ensino público, a restitución de todos os dereitos que lle foron arrebatados ao profesorado e a mellora do ensino público

Participamos das mobilizacións contra a LOMCE

Vimos de participar esta mañá na manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que facemos parte, e que percorreu as rúas na nosa cidade.

A manifestación, enmarcada dentro das actividades previstas que inclúen unha folga xeral en todos os niveis educativos e no conxunto de Galiza así como diversas mobilizacións ao longo da xornada, está encadrada na vaga de actividades organizadas polos colectivos estudantís e polas distintas plataformas en defensa do ensino público en contra da LOMCE e o «pacto pola educación» proposto polo PP e contra os recortes e a prol dunha Lei galega de educación.

O PP insiste na aplicación da LOMCE malia que a maior parte da comunidade educativa a rexeitamos e malia a decisión do Congreso dos Deputados de paralizala. Consideramos, pois, que é necesario seguir na loita como única maneira de conseguir a derrogación definitiva desta lei absolutamente regresiva, a desaparición das reválidas, a paralización dos recortes no ensino público, a restitución de todos os dereitos que lle foron arrebatados ao profesorado e a mellora do ensino público. Temos razóns mais que sobradas para denunciar o engano e a farsa que supón o punto de arranque do chamado «pacto pola educación» proposto polo PP, cuxo obxectivo non é outro que consolidar os principios e fundamentos da LOMCE, revestidos agora da auréola dun suposto «pacto».

O punto de partida deste «pacto», a súa concepción, o seu procedemento e os obxectivos que persegue procuran un modelo educativo neoliberal, confesional, cada vez máis españolizado e profundamente mercantilizado, no que a relixión seguirá sendo materia curricular.

Asemade, a privatización continuará mediante os concertos en todos os ámbitos educativos e o ensino será cada vez máis elitista e segregador, polo que consideran que se debe desenmascarar todo esta armazón propagandística que o único que pretende é facer máis presentábel socialmente a aplicación da LOMCE.

Neste sentido, cremos que calquera acordo educativo ten que partir, como mínimo, dun amplo debate social e de participación de todas as organizacións e entidades, tanto sociais como políticas, sindicais e educativas.

Grazas ás permanentes e importantes mobilizacións e folgas que se teñen feito desde a implantación da LOMCE, fomos capaces de paralizar a aplicación das reválidas en 6º de Primaria, 4º de ESO e 2º de Bacharelato. Mais temos presente que a LOMCE segue vixente e as reválidas adiadas, non derrogadas, até coñecer o resultado do «pacto pola educación». E a nosa folla de ruta pasa pola defensa inequívoca do ensino público, galego, laico, coeducativo e gratuíto”, conclúe Avia Veira.

A Coruña, 9 de marzo de 2017.

Participamos das mobilizacións contra a LOMCE