Rosana Pérez levará ao Congreso unha iniciativa pola seguridade viaria no Birloque
A Coruña, 8 de xullo de 2013.- A deputada do BNG pola Coruña no Congreso dos Deputados, Rosana Pérez, visitou na mañá de hoxe o barrio do Birloque, acompañada das concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira, convidada pola Asociación Veciñal Os Anxos, para coñecer in situ os graves perigos que corre a veciñanza polas obras da Terceira Rolda. A parlamentar nacionalista comprobou o risco que padecen os habitantes do Birloque cando cruzan a Avenida de San Cristovo á altura de Pablo Picasso e de Glasgow para accederen á Segunda Fase de Elviña, onde se atopan o centro de saúde, as escolas infantís e os centros de ensino de Primaria.
En declaracións aos medios, Rosana Pérez anunciou a presentación dunha iniciativa no Congreso para garantir a seguridade viaria no Birloque. Atopómonos ante unha problemática que non é nova e, malia teren lugar múltiples accidentes que deixaron dúas persoas falecidas e varias feridas, o Ministerio de Fomento non fixo nada para mellorar a seguridade viaria nunha obras que lle competen e que teñen lugar no núcleo urbano, no centro da Coruña, advertiu.
Rosana Pérez cualificou de inhumano que os máis de 3.000 habitantes do Birloque estean a padecer unhas obras de tal magnitude con perigo para as súas vidas. Por iso, sinalou que Fomento ten acometer as melloras pertinentes para acabar cos riscos que corren os veciños e veciñas debido á masa de vehículos, moitos de grande tonelaxe, que atravesan O Birloque e debido ás interminábeis obras da Terceira Rolda. Ademais, a deputada do BNG no Congreso preguntaralle ao Goberno central cando van rematar as obras, dado que levan un atraso de máis de dous anos e como vai quedar estruturada a zona, mediante planos explicativos.
Os coches son máquinas de matar se as Administracións non garanten a seguridade viaria
Pola súa banda, Ramón Mañana, presidente da Asociación Veciñal Os Anxos do Birloque puxo de manifesto os perigos que afrontan cada días as persoas que viven neste barrio, que é atravesado por unha vía en obras que atravesan os coches e os camións a máis de 50 km/h. En declaracións aos medios, alertou de que mentres as Administracións non adopten medidas, os coches nesta vía son máquinas de matar. Ademais, insistiu nas actuacións que lle solicitaron ao Goberno municipal e que aínda non se acometeron: velocidade máxima de 30 km/h, badéns nos pasos de peóns, sinalizacións correctas de obras, accesos áxiles e seguros para peóns e mellor conexión de buses co barrio.
Precisamente, o Grupo Municipal do BNG, a instancias da asoción de veciños e veciñas levou á sesión plenaria do mes de xuño un rogo oral no que lle trasladaba ao Goberno do Sr. Negreira toda unha serie de melloras, como a necesidade de que os semáforos da contorna do cruzamento da Avenida de Glasgow con San Cristovo funcionen de xeito coordinado, para que se sinalicen correctamente os pasos de peóns da Avenida de San Cristovo á altura Pablo Picasso con Glasgow e para que, neste tramo e nesta contorna, a velocidade se regule e se controle a non máis de 30 km á hora.
Ademais, as nacionalistas pediron en Pleno que o Goberno municipal adoptase as medidas oportunas para que se estabeleza un redutor físico da velocidade no paso de peóns de Salgado Torres, que se eleve este paso de peóns, que se sinalice correctamente cun sinal vertical a 50 metros e coa liña de seguridade e que se instale un botón para peóns para cambiar a verde no semáforo que queda no medio do paso de peóns cara ao Birloque. Un mes despois da inciativa do BNG, o Goberno municipal aínda non acometeu ningunha destas actuacións de imperiosa necesidade para o barrio.