JORQUERA VE IMPORTANTE QUE SE TEÑA EN PERSPECTIVA INCORPORAR MÁIS CONCELLOS ALÉN DOS QUE FORMAN O CONSORCIO DAS MARIÑÁS
Inminente a licitación do novo Nostián: non foi sen tempo!
Esta mañá realizouse, no salón vermello do Pazo de María Pita, unha xuntanza da Comisión Especial sobre a planta de Nostián. Esta comisión constituíse a raíz dunha proposta do BNG, en forma dunha emenda a unha moción que acabou sendo transaccionada co PSOE. A iniciativa foi aprobada no Pleno do pasado mes de marzo.
Durante a sesión de hoxe, o Goberno Local informou de que os trámites para a licitación da nova planta están xa moi avanzados e que sairá a concurso ou antes do 31 de decembro ou nos primeiros días de xaneiro.
“O BNG celebra que por fin se vaia iniciar a licitación dun servizo básico que debe contribuír para que Nostián sexa unha verdadeira planta de reciclaxe, conforme a un modelo de xestión do lixo baseado nos obxectivos de redución, reciclaxe e reutilización”, afirma Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Concello e membro desta comisión.
Cumpre lembrar que Nostián leva en precario desde xaneiro de 2020, ao ter caducado o seu anterior contrato en decembro de 2019.
“O BNG salienta tamén a importancia de ter en perspectiva a incorporación á planta outros concellos alén dos que forman o Consorcio das Mariñas, que xa tratan o seu lixo en Nostián”, remarca o portavoz nacionalista.
Jorquera reitera a aposta do BNG por Nostián como “modelo alternativo” a Sogama. “Nós desde logo non imos pór paus nas rodas a este proceso. Apostamos decididamente por un modelo baseado na reciclaxe, a redución e a reutilización”, concluíu.