TAMPOUCO DÁ IMPULSO Á COMPRA DO BAIXO PARA CREAR NEL O ESPAZO LUGRÍS
Queixas ve en serio risco os murais de Urbano Lugrís porque a Xunta descoida os seus deberes de conservación
A deputada do BNG Mercedes Queixas levou á Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego a situación de risco en que se achan o conxunto muralístico de Urbano Lugrís contido nun baixo da rúa Olmos.
Queixas interpelou ao respecto ao director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Ángel Miramontes Carballada.
“Os 12 murais de Urbano Lugrís están en serio risco”, denuncia Queixas, e iso é así porque a Xunta -que xa é propietaria dunha obra catalogada como BIC- está a descoidar os seus deberes de conservación.
“A declaración da obra como BIC era fundamental, pero insuficiente se a Xunta non actuar con urxencia na conservación dos murais. E da resposta dada polo director xeral infírese que non o está a facer e iso é gravísimo”, afirma Queixas.
A Xunta non só non está a protexer adecuadamente a obra dun xenio coruñés tan inclasificábel como irrepetíbel, senón que tampouco está a darlle impulso ao mandato unánime da Cámara galega, que a instou a -en coordinación co Concello e a Deputación- mercar o baixo da Rúa Olmos para alí crear o Espazo Lugrís. Alí e en ningún outro sitio, pois obra e lugar, falándomos dun mural, son inseparábeis.
“Está claro -así o evidenciou o director xeral- que desde o pasado mes de xuño, en que a Xunta convocou unha reunión co Concello e a Deputación, o Goberno galego non volveu dar ningún paso nin a respecto da conversación dos murais nin no que atinxe as negociacións coa propiedade do edificio, actualmente en obras de rehabilitación, para a compra do baixo”, resalta Queixas.
“O inverno está xa enriba de nós, as chuvias e os temporais, tamén, e constitúen unha clara ameaza para a protección deste BIC. A grande pregunta que nos facemos desde o BNG é cando o PP, desde as súas responsabilidades á fronte da Xunta, deixará de ser unha ameaza para a conservación da obra de Urbano Lugrís”, conclúe a nosa deputada.