O Grupo de barrio do BNG de Oza-Os Castros pide usar o faro con fins educativos, culturais e sociais
A Coruña, 18 de maio de 2013.- O Grupo de barrio do BNG de Oza Os Castros apoia a petición feita pola Confraría de pescadores da Coruña e a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros para usar o faro de Oza. A proposta das dúas entidades sociais é compartir o uso do faro con fins formativos, educativos, culturais e sociais, o que lle daría unha nova vida a esta obra senlleira do barrio.
Non podemos tolerar, subliñan as nacionalistas, que o faro de Oza continúe nese proceso de deterioro, desleixo e esquecemento no que o teñen sumido as administracións (Concello da Coruña, Autoridade Portuaria e Portos de Galiza) por non defender e conservar o noso patrimonio e demandamos un uso social do faro, a súa conservación e un mantemento que permita o seu uso pola cidadanía. Lembran que este edificio, que ten carácter de ben patrimonial, construído entre 1911 e 1917, é unha propiedade pública fóra da zona de servizo portuaria e que perdeu a súa función de servizo á sinalización marítima.
A proposta conxunta da Confraría e da Asociación veciñal, colaborando e facendo traballo en común, márcannos á cidadanía o camiño a seguir nesta época de crise económica e social, sinala o Grupo de barrio do BNG de Oza Os Castros. Un exemplo de traballo compartido, de proxecto común para pór a disposición das persoas unha instalación tan emblemática coma o faro de Oza.