O BNG esixe o compromiso do Goberno municipal para manter a liña A Coruña-Ferrol
A Coruña, 17 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG critica o cinismo do Goberno municipal do Sr. Negreira que, despois de tombar a moción do BNG en defensa do tren, manifesta que agarda a coñecer o plan de Fomento, que conlevará o desmantelamento, entre outras, da liña de ferrocarril entre A Coruña-Ferrol, para se pronunciar e valorar ao respecto.
As nacionalistas reproban que sexa o propio concelleiro de Mobilidade quen manifeste isto, xa que semella que non lle preocupa o máis mínimo o ferrocarril convencional. E é que das súas palabras dedúcese que nin le o BOE, nin manifesta interese ningún en solicitar información sobre o devandito plan.
Precisamente, no pasado mes de marzo, o sector ferroviario da CGT na Coruña achegoulle unha carta ao Sr. alcalde con toda a información da situación do ferrocarril en Galiza e sobre os plans do Ministerio de Fomento en canto á privatización de Renfe e á supresión de paradas e de servizos, que prexudicaría, fundamentalmente, a liña A Coruña-Ferrol.
Ademais, no pasado Pleno ordinario de maio, que tivo lugar o día 6, o Grupo Municipal do BNG presentaba unha moción (anexo 1), que o PP impediu debater, na que se volvía lembrar o propósito dos plans do Ministerio de Fomento e na que se emprazaba o Concello da Coruña a, entre outras cuestións, a loitar polo mantemento dos actuais servizos ferroviarios que Renfe presta na nosa cidade. Tamén reclamaba o BNG que se desen os pasos necesarios para artellar un tren de proximidade e media distancia.