O Goberno municipal teima en impedirlle ao BNG o acceso ao informe das auditorías de Nostián
A Coruña, 17 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG recibiu a mesma resposta por parte do Goberno do Sr. Negreira respecto do acceso aos informes sobre a auditoría económica da concesión do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e e o acceso á auditoría técnica e medioambiental da planta de tratamento de Nostián. É a segunda vez que o Goberno municipal lle impide ás nacionalistas o acceso a esta documentación. A primeira das veces tivo lugar o 31 de outubro de 2012 e a segunda, o pasado 9 de xaneiro, a raíz das declaracións do concelleiro de Medio Ambiente, quen asegurou, a semana pasada, que non faría públicos os informes e que serían "de uso interno".
Na resolución, asinada a 15 de xaneiro, sinala que "por persistir as mesmas circunstacias que fundamentaron os decretos do 7 de novembro de 2012, co mesmo obxecto, dispoñer que o acceso ás auditorías/estudo de viabilidade técnica e ambiental da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián se realice no momento en que conclúa o exame e validación desta por parte da concellaría e simultaneamente coas propostas ou actuacións que sexan consecuencia destas".
O Goberno municipal apúntalle ao BNG que está a formular un plan de viabilidade
A maiores, o decreto de 15 de xaneiro, sinala que o Servizo de Medio Ambiente emitiu un informe con data de 11 de xaneiro de 2012 (ao que o BNG pedirá acceso) no que se sinala que "persisten as circunstancias anteriores" e que "está a formular tecnicamente un plan de viabilidade que xunto coa documentación que se acompañe será sometida aos oportunos órganos de resolución municipais e, por suposto, antes de que se adopte deberá ser posta a disposición dos distintos grupos municipais".
As nacionalistas advirte intencionalidade por parte do Goberno municipal para lles impedir o acceso aos informes das auditorías de Nostián. Pregúntanse se terá que ver coa opacidade a posíbel negociación, ás agachadas, do Goberno municipal con Albada. E é que estas auditorías darán a coñecer os incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados, determinándose, así, de que parte é responsábel a empresa e de que parte é responsábel o Concello, en función do contrato de concesión.