O BNG mobilízase contra os recortes laborais e contra o desmantelamento dos servizos públicos
A Coruña, 17 de xaneiro de 2012.- O BNG da Coruña participará esta tarde na concentración convocada polas organizacións sindicais con representación no sector público, CIG, CCOO, UGT, CSI·F, CESM, OMEGA, SATSE, USAE, STEG, ANPE, USO, USTG, CGT, STAJ, SIAT e ACAIP, que integran a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, contra as medidas do PP na Xunta de Galiza que empeoran as condicións laborais e salariais das empregadas/os públicos/as e deterioran, aínda máis, os servizos públicos. A mobilización, á que acudirán cargos orgánicos e institucionais do BNG, entre eles, do Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña e do Parlamento de Galiza, terá lugar a partir das 19 horas na Delegación do Goberno.
O BNG da Coruña rexeita as medidas do PP contra as persoas que traballan na Administración pública e contra os servizos públicos, como a rebaixa salarial anual de entre o 5% até o 9%, a conxelación salarial no 2011, que levou aparellada a conxelación de Ofertas de Emprego Público; a supresión de dereitos e acordos sobre Xornada laboral; a ampliación da xornada mínima nas administracións; a reforma laboral que introduce o despedimento colectivo e individual do persoal laboral do sector público, por causas económicas, técnicas e organizativas ou a supresión de días adicionais de vacacións.
Ademais, os nacionalistas, que denuncian que en só tres anos os e as empregadas públicas sufriron unha redución do 20% do seu salario, advirten dun novo ataque en base ao anteproxecto de Lei que reduce o salario nunha media dun 4% para o ano 2013, en determinadas categorias de até o 6%, e que reduce as pagas extras ao redor dun 40%.