O Goberno municipal segue negándose a facer públicas as auditorías de Nostián
A Coruña, 9 de setembro de 2013.- Á vista da resposta do concelleiro de Medio Ambiente á pregunta do portavoz do BNG sobre se o Goberno local mantén aínda que non é o momento de facer públicas as auditorías de Nostián do concelleiro de Medio Ambiente, o Goberno municipal reiterou a súa negativa a facer públicas as auditorías técnica-medioambiental e económica da planta de tratamento de Nostián.
Así, o portavoz nacionalista comezou a súa intervención sinalando que de xeito reiterado, mesmo en distintas sesións do pleno, o BNG tenlle solicitado o acceso ás auditorías técnico ambiental e económica da planta de tratamentos de Nostian, así como estudo de viabilidade da concesión. Con distintos argumentos e cambiando de criterio, o goberno local negouse a facilitar o acceso e a facer públicas as auditorías, até o punto de ter que tomar a decisión de demandalo ante os tribunais por vulneración dos dereitos fundamentais. Carril sinalou que accedendo ás auditorías, o Grupo municipal do BNG quere ter coñecemento dos incumprimentos que hai por parte de Albada a respecto do volume de tratamentos rexeitados e non reciclados, para determinar deste xeito que responsabilidade ten o Concello da Coruña e que responsabilidade ten a empresa.
A seguir, o portavoz nacionalista manifestou que o Goberno do Sr. Negreira non quere que se saiba nada disto e responsabiliza aos demais da situación actual en Nostián, agachando ademais unha serie de datos Primeiro, ocultando que o acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de abril de 2011 non contou co voto favorábel do BNG, porque supuña a asunción polo Concello da Coruña dun incremento de custos (derivados da porcentaxe do tratamento do lixo rexeitado) que formaba parte das condicións esenciais do contrato aceptado pola empresa, polo menos na porcentaxe do 35% incluída na concesión, de modo que a concesionaria se comprometía a tratar o 65% do lixo recollido. Segundo, o Goberno Local oculta o tirón de orellas que lle deu o Consello Consultivo de Galiza pola tramitación chapuceira do procedemento de revisión de oficio deste acordo da Xunta de Goberno Local, porque o Consello Consultivo reparaba no que tantas veces lle tiña reclamado o BNG, que o procedemento e o momento non eran os máis oportunos e que había que esperar aos resultados da auditoría (dicía o Consello Consultivo bótase en falta a incorporación ao expediente dalgún estudo ou auditoría que cuestione a imposibilidade fáctica, ou sequera sirva de sustento á tese de que o incumprimento da empresa... Albada da porcentaxe do 35% ofertada tivese lugar por causas a ela imputábeis. Mais, non existindo ningunha argumentación no expediente remitido, non podemos senón concluír na falta de elementos de convicción que avalen a tese sostida polo concello...), dado que o prudente, como lle dicía o BNG, sería acudir ao procedemento da lesividade dispoñendo antes dos resultados da auditoría. E terceiro, o Goberno Local oculta tamén que, toda vez que quedou rexeitada a súa revisión de oficio, o Concello da Coruña debe asumir a súa responsabilidade patrimonial fronte a Albada e pagarlle o importes deixados de percibir como consecuencia do acordo da Xunta de Goberno Local do 16 de novembro de 2011 (sobre suspensión cautelar do acordo da xunta de goberno local de 8 de abril de 2011 de pagamento a Albada do 5% dos gastos xerais e do 5% do beneficio industrial).
Por último, en relación co último dato que o Goberno local omite, salientou o nacionalista, ten a súa importancia e fai comprensíbel moitas cousas en relación ao conflito de Nostian e a postura do Goberno Local, que está moi condicionada pola empresa. Primeiro, que a aparente neutralidade do Goberno local non é tal, senón de complicidade coa empresa, que é concesionaria dun servizo público que incumpre coa cidadanía e cos traballadores. Segundo, que o Goberno Local critique, implícita e explicitamente, aos traballadores polas consecuencias do conflito e aos grupos da oposición que apoian aos traballadores, mais sen condenar en ningún momento a actitude da empresa que é a responsábel da situación actual. E terceiro, que o goberno local exixa aos traballadores que cheguen a un acordo coa empresa, cando é a empresa a causante desta situación a que se nega a negociar e a que aplica ERTES e a reforma laboral que vostedes aprobaron. Por iso enténdese por que hoxe mesmo o Goberno Local denegou o acceso a esta sesión plenaria aos traballadores de Albada, concluiu Carril.