O Goberno municipal respóndelle ao BNG que continuará co dispendio nas festas
A Coruña, 11 de xullo de 2013.- En resposta á pregunta oral formulada pola nacionalista María Xosé Bravo para coñecer canto custaron as festas de San Xoán, a concelleira de Cultura alardeou de canta actividade programou o Goberno municipal nesas datas e anunciou que seguirá co dispendio nas festas. Aos menos de 400.000 euros que, segundo a edila Ana Fernánez, custou o San Xoán, María Xosé Bravo reclamoulle transparencia e que engadira o custo das orquestras e das sardiñadas populares, os concertos de Hombres G e Alejandro Sanz, as carrozas, a leña e mais as bandeirolas e todo o despliegue de valados e webs propagandísticas, os vídeos, os bandos na prensa, o xornal e o reparto deste, o Bipolar Fest, as diversas actuacións, as actividades infantís, os pasarrúas, os obradoiros infantís, os globos tailandeses ou a pirotecnia.
A concelleira do BNG reivindicou o San Xoán como unha festa popular, participativa e familiar que non precisa de cartos a esgalla. Foi entón cando aludiu á revista propagandística do Partido Popular pagada cos cartos de todas nós, xa que neste panfleto do Goberno municipal dise que San Juan aparca el invierno, abraza la luz y quema el meigallo. O que queiman vostedes son os cartos de todos nós, espetoulles a nacionalista aos responsábeis municipais do PP.
A continuación, María Xosé Bravo afeoulle ao Goberno municipal que confunda a cultura coas festas. En vez de gastar tanto nas festas de San Xoán puideron incrementar a partida de reunións, conferencias e cursos para os museos científicos, da que recortaron 23.000 euros; puideron incrementar a partida destinada a compra de prensa e libros en bibliotecas, á que lle restaron 34.256 euros, e puideron aumentar a partida de actividades en bibliotecas, que sufriu un recorte de 23.846 euros, apuntou. Tamén fixo alusión ao peche, por parte do Goberno municipal, da biblioteca veciñal de Monte Alto, ao recorte de 132.480 euros da Fundación Luís Seoane ou ao recorte de 30.357 euros da escola municipal de música.
A concelleira do BNG acusou o PP de entender a cultura como un problema, cultura é democracia fronte ao espectáculo e a festa, advertiu. A dereita ten unha confusión interesada entre festa e cultura, entre cultura e espectáculo, pero deben saber que en cultura invístese e en festas gástase fronte ao imperio do efímero, do volátil, a cultura é o grande activo sobre o que construír o futuro, concluíu.
O PP trata de ocultar as melloras urbanísticas a Defensa no polígono da Agrela
Outra das preguntas orais formuladas polo BNG tivo a ver coas melloras ao Ministerio de Defensa das condicións urbanísticas do polígono da Agrela, unhas melloras que, malia telas debullado en repetidas ocasións o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, o Goberno do Sr. Negreira tratou de ocultar (no ANEXO á nota poden comprobarse os cambios). O concelleiro nacionalista sinalou, na súa intervención, que respecto do indicado no PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009, o Goberno municipal incrementoulle a edificabilidade deste polígono nun 31,24 por cento e suprimiu as reservas para equipamentos públicos, logo de aceptar as alegacións fomuladas polo Ministerio de Defensa ao PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009.
Grazas aos cambios acometidos polo Goberno municipal, a edificabilidade do polígono pasou dos 71.452,68 m2 do PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009 aos 93.775 m2 do PXOM aprobado provisionalmente en agosto e decembro do 2012. Ademais, o PP tamén aceptou suprimir a reserva de equipamento local que, cunha superficie de 9.720 m2, se fixaba no PXOM aprobado inicialmente.
Carril lembrou que no texto do convenio urbanístico de 15 de xullo de 2009, asinado entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Defensa, figura expresamente que dos 75.628,30 m2 do Acuartelamento, 50.325 m2 (o 66,54%, as 4/6 partes) foron cedidos polo Concello a Defensa para fins estritamente militares. Consta tamén no convenio que, por resolución do Secretario de Estado de Defensa, de data 29.04.2009, foi desafectada e declarada alienábel a área deses 75.628,30 m2. Unha vez desafectada ao uso militar, o Concello da Coruña tiña dereito á reversión dos terreos cedidos, é dicir, á reversión dos 50.325 m2. Porén, advertiu de que o exercicio do dereito á reversión debe formularse no prazo dos 4 anos seguintes á desafectación, polo que, producida a desafectación o 29.04.2009, o Concello tivo de prazo até o 29.04.2013 para solicitar a reversión e non o fixo.
Ademais, o concelleiro nacionalista puxo de manifesto que tal e como figura no convenio, o Ministerio de Defensa non pode enaxenar os terreos sen a conformidade previa do Concello da Coruña aos pregos da poxa pública dos mesmos. En efecto, o Ministerio de Defensa pode desafectar e declarar alienábeis os terreos e vendelos en poxa, pero, para isto, debe contar previamente coa aceptación dos pregos por parte do Concello da Coruña.
Os desaloxados do Ofimático saíron do Concello coas mans baleiras e desesperanzados
Pola súa banda, a concelleira Avia Veira formulou unha pregunta oral sobre as persoas desaloxadas do Ofimático. Citan vostedes cinco ou seis familias a tarde dun luns para falar -avisadas con menos de 24 h de antelación- e saen coas mans baleiras e desesperanzadas porque volveron ao concello a contar o que querían, sinalou. Nin unha soa proposta do concello enriba da mesa para solucionar o seu problema á que dicir que si ou que non! Nin unha soa! Para que os chamaron? Para escoitar de novo as súas demandas ou a súa situación? Se isto non é unha tomadura de pelo, parécese moito, ou en todo caso é unha falta de respecto, advertiu.
Avia Veira salientou que o principal problema que teñen estas persoas é que aínda que lles ofrezan pisos en aluguer mentres duren as obras do parque, logo non terán capacidade económica para erguer a súa nova casa na parcela que lles corresponde. Lembrou que haberá familias ás que lles quedarán 120.000 euros ou 49.000 euros a deber ao concello pola diferenza entre a súa indemnización e as cotas de urbanización. Os cartos retenllelos o concello para lles xirar as cotas de urbanización, unhas cotas que non lles cobran con tal premura nin á Xunta nin ás grandes promotoras, denunciou.
Pregúntome e pregúntolle tamén que sentido ten que aproben as licenzas para as cooperativas nos lugares onde viven estas persoas e que á vez non se lles dea unha alternativa digna e real, sobre todo cando lles din que non se preocupen que até finais de ano que non van ter que marchar da súa casa, mentres os distraen con mediadores, con recursos no contencioso e con reunións sen solucións enriba da mesa, concluíu Avia Veira