O Goberno municipal renuncia a pagar a parte da paga extra sen a xustificación económico financeira
A Coruña, 23 de novembro de 2015.- Logo de ter acceso a primeira hora da tarde ao informe do Secretario Xeral do Concello e o propio da Asesoría Xurídica, o Grupo Municipal do BNG constata que devolverlle ao funcionariado municipal neste ano o 26,23% da paga extra do ano 2012 é unha obriga do Concello da Coruña que se ten que cumprir no caso de que a situación económico-financeira o faga posíbel.
Veira: Logo de ler o informe do secretario xeral do Concello, quédanos claro que a decisión de non aboar o 26% da extra do funcionariado neste ano é unha decisión que se ten que adoptar acreditando que a situación económico-financeira do Concello non o permite, cousa que o Goberno municipal non fai
Porén, as nacionalistas sinalan que o Goberno municipal está a adoptar a decisión de non aboarlles ás traballadoras e aos traballadores municipais sen facer ningún tipo de referencia ou sen xustificalo en base á situación economico-financeira do Concello, aínda que o secretario xeral indica no seu informe que se ten que acreditar a dita situación para non cumprir esa obriga estabelecida no RD 10/2015.
Así mesmo, o Bloque lembra que tanto no seu voto particular como nas súas alegacións pretendía que non se desen de baixa máis de catrocentos mil euros do Capítulo I. Gastos de persoal para reservalos e posibilitar que con eses cartos se puidese financiar a parte correspondente da extra que o Concello ten a obriga de lle pagar aos seus traballadores e ás súas traballadoras.
O BNG lembra que o Goberno municipal desestimou as súas alegacións ao M1C/2015, que pretendían reservar cáseque a metade dos cartos que farían falta para aboarlle ao persoal municipal o 26,23% da extra de 2012
No mesmo sentido, o Secretario Xeral sinala no punto cuarto do seu informe: Que en virtude de todo iso, considérase que a interpretación máis axustada en Dereito ao obxectivo, pretendido polo lexislador, de favorecer o estímulo do crecemento económico e afondar no incremento da eficiencia do funcionamento do emprego público compatíbel co cumprimento das regras fiscais, obxectivo teleolóxico declarado da norma, será a derivada de entender que como consecuencia do disposto no Real decreto lei 10/2015, a proposta formulada no Modificativo, no que se referise á redución do Capítulo I de persoal, para gastos voluntarios fóra deste capítulo, podería encontrarse dentro do suposto de estimación eventual da incursión no previsto no artigo 170.2.b) do TRLRHL, se a situación económico-financeira permitise a devolución e a súa utilización para iso, e polo tanto, e unicamente se a situación económico-financeira do Concello da Coruña o permitise, debería manterse nel polo tanto no Capítulo I a cantidade que pretende detraerse de 467.000 euros (s.e.u.o.) para outros gastos, destinando polo contrario esa cantidade, ao reintegro, aínda que sexa parcial, ao persoal do Concello, cando menos parte, dese 26,23% das cantidades non percibidas no exercicio de 2012, ou incorporar como remanente esa cantidade ao exercicio seguinte, se tecnicamente é correcto, achegando o resto dese aboamento pendente no exercicio de 2016 e con cargo ao orzamento dese ano.
As nacionalistas sinalan que o Goberno da Marea Atlántica renuncia a pagar este ano o que correspondería legalmente sen xustificalo en base á situación económico-financeira do Concello, condición que o Secretario Xeral sinala que se ten que acreditar para non cumprir o precepto legal
O Bloque indica que ambos informes, solicitados na Comisión Informativa de Facenda celebrada o pasado xoves 19 de novembro, conclúen que á hora de indicar que o fundamento da decisión de facer efectivo o Real Decreto Lei 10/2015 (isto é o abono da parte proporcional do 26,23 % da paga extra subtraída ao funcionariado polo Goberno do PP no 2012) antes de que se remate este ano debe considerar a situación económica financeira na que atopa o Concello, cuestión que non é tomada en conta polo Goberno da Marea Atlántica.
Di tamén o Secretario Xeral nas súas conclusións que Constitúe unha obriga esixíbel por derivarse dun precepto legal inescusábel e sendo preciso para iso, a adopción do acto preciso para a súa execución, que é derivativo, é de cumprimento dunha norma, e unicamente se a súa situación económico financeira non o fai posíbel, cabría derivar, porque así o autoriza a norma (RDL 10/2015), precisamente, a adopción dese acordo de execución a outro exercicio orzamentario no que a situación económico financieira o posibilita.
Deste xeito, e tal e como veu defendeu o BNG coa presentación, primeiro, do voto particular, e logo coa presentación de alegacións ao modificativo de crédito M1C/2015, a recuperación da minoración do Capítulo I (Capítulo I. Gasto de persoal) podería terse feito co obxecto de poder realizar con ela xunto con outro fondos propios do concello o pago dese 26,23 % da paga extra antes do remate deste 2015.
Noticias relcionadas:
- O Goberno municipal renuncia a pagar neste 2015 a parte da extra de 2012
- O BNG presentou as alegacións ao Modificativo de Crédito
- O BNG seguirá reclamando a devolución da parte da paga extra no Concello
- O BNG presentará un voto particular ao modificativo para recuperar parte da paga extra de 2012