O Goberno municipal renuncia a pagar neste 2015 a parte da extra de 2012

O Goberno municipal renuncia a pagar neste 2015 a parte da extra de 2012

A Coruña, 20 de novembro de 2015.- Logo de ter lugar nesta mañá a Comisión Informativa de Facenda e Administración na que se resolveron as alegacións e na que se votou a aprobación definitiva do modificativo de crédito M1C/2015 que irá a Pleno o vindeiro martes, o Grupo Municipal do BNG sinala que o Goberno local desestimou as súas alegacións renunciando a pagarlle a parte da extra de 2012 que correspondería aboarlle ao funcionariado do Concello neste 2015.

O BNG denuncia que o Goberno municipal desestimou as súas alegacións ao M1C/2015 renunciando a pagarlle ao funcionariado do Concello a parte da extra de 2012

As nacionalistas lembran que o Real decreto lei 10/2015, cuxa entrada en vigor provocou a presentación dun voto particular ao M1C/2015 e as alegacións que agora son desestimadas, indica literalmente no seu artigo 1 que “as distintas Administracións públicas, así como os seus entes dependentes e vinculados, aboarán dentro do exercicio 2015, e por unha soa vez, unha retribución de carácter extraordinario cuxo importe será o equivalente a 48 días ou 26,23 % dos importes deixados de percibir por consecuencia da supresión da paga extraordinaria”. Mais tamén sinala que “cada Administración pública aboará, as cantidades previstas neste artigo dentro do exercicio 2015, se así o acorda e a súa situación económico financeira o fixese posíbel

Avia Veira nunha rolda de prensaNo entanto, o Interventor municipal no seu informe di literalmente: “a proposta que se formula desde a Dirección de Economía e Facenda do Concello é no sentido de considerar a posibilidade do Concello de decidir non aboar o 26,23 % neste exercicio á marxe da situación económico-financeira, xa que non se cita, e co argumento de que o crédito que se dá de baixa no Capítulo I (Capítulo I. Gasto de persoal) non é tampouco suficiente para facer fronte a todo o pago do 26,23 % e que o aboamento debe ser «por unha soa vez»”. Así, o propio Interventor indica que o Goberno municipal non fai alusión á situación económico-financeira actual do Concello para xustificar a decisión de non facer efectivo o aboamento da paga extra neste 2015.

As nacionalistas sinalan que o propio Interventor municipal indica que a proposta do Goberno municipal é non aboar o 26% da paga extra de 2012 neste exercicio 2015, sen xustificar esta decisión en base á situación económico-financeira do Concello

Ademais, as nacionalistas sinalan que o Interventor dubida sobre se o Concello pode decidir non pagar ese 26% da extra sen xustificalo en base á súa situación económico financeira. Literalmente, o seu informe indica que “a cuestión máis dubidosa atópase en se a Administración Pública ten a facultade ou non de decidir adoptar o acordo de non aboar no 2015 o 26 % de paga extraordinaria do mes de decembro de 2012 á marxe da situación económica financeira da administración”.

O BNG denuncia, pois, que o Goberno local, non só botou abaixo o seu voto particular ao M1C/2015 nas que se solicitaba o cumprimento do que estabelece o Real decreto 10/2015, senón que tamén desestimou as súas alegacións renunciando a pagarlle a parte da extra de 2012 que correspondería aboarlle neste 2015 ao funcionariado do Concello sen sequera xustificalo en base á situación económico-financeira municipal.

 

Noticias relcionadas:

O Goberno municipal renuncia a pagar neste 2015 a parte da extra de 2012