O BNG presenta as súas propostas á RSM
A Coruña, 18 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar esta mañá en rolda de prensa as súas propostas para a ordenanza de Renda Social Municipal. Estas achegas, que tamén lle trasladou ao Goberno municipal, céntranse en garantir a súa efectividade e en corrixir a arbitrariedade. As nosas propostas están encamiñadas a que este proxecto de ordenanza o sexa dunha verdadeira Renda Social Municipal, sinalou Avia Veira.
Garantir a súa efectividade
Deste xeito, Veira realizou a presentación das propostas nacionalistas para poder garantir a efectividade da renda. Entre estas, o Bloque entende que se debe garantir o pagamento directo a todas as persoas que foren beneficiarias, a mes vencido, tal e como establecen outras rendas municipais deste tipo, sobre todo tendo en conta que o artigo 38 da proposta do Goberno municipal establece que os gastos acreditaranse polo beneficiario periodicamente mediante facturas e demais documentos de valor probatorio. Se o pago a acredores require tamén xustificación o lóxico será que o pagamento se realice directamente para evitar a tutelaxe e posibilitar que as persoas beneficiarias se poidan administrar a si propias, indicou Avia Veira.
O BNG presentou hoxe as súas propostas para facer que o proxecto de ordenanza regule verdadeiramente unha Renda Social Municipal
Neste mesmo apartado, tamén solicitan a desaparición do requisito de non ter dereito á RISGA, e que, en todo caso sexa substituído por non ser beneficiario da RISGA pois sabemos que hai xente que debería ter dereito á RISGA e actualmente estanlla denegando mesmo logo de agardar 10 meses a que resolvan a súa solicitude, habería moita xente que quedaría excluída da posibilidade de optar á renda, comentan as nacionalistas.
Corrixir a arbitrariedade
Canto ás propostas para corrixir a arbitrariedade, Avia Veira indicou que o artigo 37.2 estabelece que o pago ordinario realizarase periodicamente polo Concello aos acredores dos bens ou servizos prestados ou a prestar ao beneficiario que consten no expediente e así mesmo ás entidades colaboradoras do Concello . Para tales efectos o beneficiario virá obrigado a presentar cantos documentos lle sexan requiridos polos servizos sociais municipais, e no 37.5 regúlase que con carácter excepcional e debidamente xustificado no expediente por parte dos técnicos municipais de servizos sociais, o pago da renda poderá facerse directamente ao beneficiario. Mais non se regula cal seria o carácter excepcional circunstancias sobrevidas, perda de vivenda etc. polo tanto podería dar lugar a arbitrariedade e mesmo que se concedesen de xeito directo con máis frecuencia que do outro xeito.
Por outra banda, o Bloque tamén solicita que se desenvolva no articulado da ordenanza a composición da mesa de avaliación xa que na proposta unicamente se recolle que estará composta por un número non inferior a tres persoas funcionarias de carreira adscritas aos Servizos Sociais Municipais.
O Bloque fixo achegas para garantir a súa efectividade e para corrixir a arbitrariedade da proposta presentada polo Goberno municipal
Así mesmo as nacionalistas entenden que a elaboración dunha prelación con criterios específicos que se establecería unha vez remate o crédito orzamentario previsto supón unha discriminación, porque cando si hai crédito acceden á renda todas as persoas que cumpren os requisitos sen existir esa prelación.
Veira: O pagamento debe realizarse directamente para evitar a tutelaxe e posibilitar que as persoas beneficiarias se poidan administrar a si propias
O Grupo Municipal do BNG propón tamén que se desenvolva o que se consideran necesidades básicas para evitar a discrecionalidade, pois no o artigo 28 regulase que unha vez concedida a axuda na resolución aparece os conceptos para os que se concede a renda, pudendo darse o caso que nalgunha resolución se cubran un determinado tipo e noutras non, quedando en man de quen resolve se se cobren uns ou outros gastos. Así o Bloque propón que se desenvolva un artigo específico do que se consideran necesidades básicas xa que entenden que todas as persoas que vaian solicitar a renda precisan saber a que aterse e para que lles vai servir.
Finalmente o BNG, inclúe entre as súas propostas achegas nas que solicitan un maior desenvolvemento do que supoñen os itinerarios de inclusión activa e a definición do procedemento administrativo.
Por último as nacionalistas tamén fixeron achegas para a corrección e concreción da linguaxe, solicitando que na proposta se explique que se entende por integración normalizada ou que se defina que é emprego adecuado sobre todo tendo en conta as circunstancias actuais de precarización e de temporalidade do emprego.