O Goberno municipal debe procurar solucións aos despedimentos da Rede Galega de Quioscos
A Coruña, 12 de setembro de 2013.- A concelleira do Bloque Nacionalista Galego, María Xosé Bravo, mantivo hoxe un encontro cunha representación das traballadoras despedidas da Rede Galega de Quioscos (pertencente a COGAMI), para coñecer a situación das 27 persoas despedidas en toda Galiza, 7 na Coruña, que traballaban nesta empresa de integración laboral.
María Xosé Bravo comezou sinalando que onte á tarde déuselle luz verde por parte da Concellaría de Dominio Público para poder acceder ao expediente de cesión do Concello a Cogami (entidade na que se agrupa a Rede Galega de Quioscos) para pór cinco quioscos en distintos puntos da cidade, logo de pasar vinte días da súa solicitude.
A concelleira nacionalista reiterou a petición feita ao alcalde no pleno do pasado luns de que o concello pode e debe ser parte da solución para que nestes cinco quioscos, ferramentas de integración laboral, sigan desenvolvendo o seu traballo as persoas despedidas. Así pedímoslle ao alcalde que as reciba e que sente nunha mesa a Cogami e a Rede galega de quioscos.
Avogou, Bravo, por procurar vías de solución. O concello sinalou ten convenios, acordos con Cogami, por exemplo a través da rede Coruña Emprega ou a través da propia concesión para pór os quioscos, cómpre, entón, axudar nesa solución. Non podemos permitir que se despida a persoas plenamente integradas laboralmente e sen ningún motivo.
As traballadoras, pola súa parte, reivindicaron os seus dereitos como traballadoras da Rede galega de quioscos e sinalaron que desde xuño véñense realizaNdo despedimentos, o dez por cento da plantilla na actualidade, sen alegar ningún motivo na maioría dos casos. Despedimentos con coaccións e ameazas que chegaron ao límite de colocar, por parte da empresa, cámaras nos quioscos sen dicir nada nin ás traballadoras, nin ao comité de empresa, ademais de soportar actitudes vexatorias por parte da xerencia ou de lles exixir facer xornadas laborais de até trece horas.
Salientaron, ademais, que as persoas despedidas son aquelas que levan máis de oito anos na empresa e que os seus postos foron cubertos por outras persoas, dando a posibilidade á empresa de recibir subvencións para a contratación e poder así dispor de novas traballadoras de maneira cáseque gratuíta.