Jorquera chama a manifestarse o vindeiro domingo en Compostela pola soberanía de Galiza
A Coruña, 12 de setembro de 2013.- Francisco Jorquera e Xosé Manuel Carril, xunto a outras militantes do BNG, fixeron na mañá de hoxe un reparto na rúa Barcelona e un chamamento á cidadanía para que acudan a manifestación que o BNG ten convocado para o vindeiro domingo, ás 12, na Alameda de Compostela. É unha oportunidade para que haxa unha moción de censura na rúa ás políticas que está practicando tanto o goberno da Xunta como o goberno de España. Políticas practicadas por un partido salpicado pola corrupción, que está a converter a democracia nun simple decorado, mais que ademais está a conducir ao empobrecemento da maioría da sociedade e á ruina económica do noso país, sinalou Jorquera.
O portavoz no Parlamento de Galiza, afirmou que o BNG defende a necesidade de que Galiza avance cara á soberanía, de que as galegas e os galegos teñamos a capacidade de decidir sobre os nosos asuntos do noso país, porque a soberanía é unha ferramenta imprescindíbel para facer posíbel en Galiza a saída doutro modo á crise económica.
A seguir, sinalou que defender a soberanía é defender que ninguén decida por nós, que ninguén decida por nós , por exemplo, no futuro do noso aforro para evitar que se venda ao sector privado a prezo de saldo Novagalicia banco e que o aforro dos galegos se invista fóra de Galiza, no canto de contribuír ao progreso e desenvolvemento do noso país; defender a soberanía é defender que ninguén decida por nós se podemos pescar, se podemos facer barcos...; defender a soberanía é que o pobo galego teña o control real sobre a súa economía para xerar riqueza e emprego en Galiza fronte ao futuro que nos queren impor e que condea á emigración á nosa xente moza. Estamos, insistiu Jorquera, falando de ti a ti ás cidadás para promover este amplo movemento de contestación ás políticas practicadas polo Partido Popular.
A Diada de onte é un estímulo para Galiza
Sobre o Día Nacional de Cataluña dixo que para Galiza é un estímulo o que aconteceu onte, é a demostración que cando un pobo se pon en marcha para tentar el ter as redeas do seu futuro, ese pobo é imparábel. Porque nin os problemas de Cataluña, nin os problemas de Galiza van ser resoltos desde fóra. Poder resolver os nosos problemas exixe que como pobo teñamos capacidade plena para decidir sobre os nosos asuntos. E o movemento social tan importante defendendo o dereito a decidir en Cataluña é froito dunha situación, a ofensiva centralista existente no Estado español que converteu o estado das autonomías, o autogoberno dos pobos en auténtico papel mollado. Unha ofensiva centralista que ten unha intención, aqueles que están a aproveitar a crise para concentraren aínda máis a riqueza e o poder económico a custa de empobrecer á maioría da sociedade, queren concentrar tamén o poder político. Fronte a isto o pobo catalán é consciente que a solución dos seus problemas pasa porque os cataláns teñan plena capacidade de decisión na súa terra. E creo que esa é unha lección da que temos que aprender as galegas e os galegos, ninguén vai resolver os nosos problemas, os nosos problemas só se van resolver se as galegas nos responsabilizamos e para responsabilizarnos temos que ter a capacidade de decisión plena nosos asuntos.