O Goberno local manipulou o informe dun arquitecto municipal sobre o punto de encontro da Coruña
A Coruña, 7 de febreiro de 2013.- As nacionalistas María Xosé Bravo, concelleira, e Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista, deron esta mañá unha rolda de prensa, acompañadas da asociación contra a violencia de xénero, VelaLuz, para denunciar as irregularidades do punto de encontro da Coruña, que atende máis de 270 nenos e nenas, e mais o desleixo do Goberno municipal á hora de protexer as vítimas e as súas crianzas.
Bravo deu conta da reposta á pregunta escrita formulada polo BNG, a instancias de VelaLuz, para coñecer se o punto de encontro cumpre cos requirimentos do Decreto 9/2009, de 15 de xaneiro, que regula estes espazos en Galiza. Nunha contestación ateigada de antecedentes sobre o centro Santiago Apóstol, que alberga desde hai uns meses o punto de encontro, o Goberno municipal pon de manifesto que enviou un arquitecto municipal a raíz da pregunta do BNG e da denuncia interposta por VelaLuz perante a Fiscalía e perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, xa que de oficio, tal e como recolle na resposta, non o faría.
Chama a atención, subliñou Bravo, é que o arquitecto municipal que envía o Concello non puido acceder ás dependencias do punto de encontro, ao atoparse pechado, tal e como se admite na resposta á pregunta do BNG.
"O máis grave é que o Goberno municipal ocultou o resto do informe do arquitecto, ao que puidemos ter acceso grazas a VelaLuz (que accedeu á documentación por ser parte do proceso, como denunciante), sinalou Bravo. Así, o Goberno municipal recortou a frase coa que continuaba o informe e na que o arquitecto advertía de que "as anteriores consideracións non supoñen en ningún caso garantía do cumprimento do decreto 9/2009 citado na denuncia".
Ante a resposta manipulada do Goberno municipal sobre os puntos de encontros, a concelleira do BNG acusou o Sr. Negreira e os seus concelleiros e concelleiras de "deixación de funcións" e denunciou que dera por bo que o arquitecto municipal visitara o espazo cando estaba pechado.
Pola outra banda, Bravo puxo de manifesto que aínda que se recoñeceu que o estado do Santiago Apóstol non era o axeitado para acoller o punto de encontro e malia que a Consellaría de Benestar falara de que se ían acometer obras, o Goberno municipal nega que se acometeran tales obras.
Vitoria Louro: "O PP actúa de costas ás vítimas da violencia de xénero mentres que colabora, man a man, con entidades que limitan os dereitos das mulleres"
Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista do BNG, advertiu de que "non entendemos que as administracións responsábeis actúen de costas ás vítimas da violencia de xénero". "Non fai o mesmo o PP con outro tipo de colectivos que traballan por limitar a liberdade e os dereitos das mulleres como pode ser o caso, por exemplo, da Red Madre", denunciou. "Está claro que a igualdade non entra dentro do precto ideolóxico do PP", engadiu.
A nacionalista lembrou que foi o movemento feminista o que fixo visíbel o problema da violencia machista e apuntou que conquirir xa que as vítimas sexan protexidas é unha cuestión de xustiza. "Por iso, os puntos de encontro non poden limitarse a ser simplemente un lugar onde se cumpre o réxime de visitas que impón unha xuíza ou un xuíz, teñen que ser espazos que ofrezan seguridade e que presten o apoio preciso e teñen que promover que tanto as crianzas como as mulleres maltratadas se sintan seguras", salientou.
Vitoria Louro sinalou que o Grupo Parlamentar do BNG segue á espera de que o Goberno galego responda a batería de preguntas que presentaron as nacionalistas sobre o Punto de Encontro Familiar da Coruña.
Gloria Vázquez: "O TSXG abriu dilixencias para investigar a denuncia de VelaLuz sobre as irregularidades dos puntos de encontro e sobre o suposto mal funcionamento do circuito xudicial"
Pola súa banda, a presidenta de VelaLuz, Gloria Vázquez, informou de que o TSXG xa abriu as dilixencias para investigar sobre os feitos que recolle a denuncia que o colectivo presentou sobre as irregularidades dos puntos de encontro e sobre o suposto mal funcionamento do circuíto xudicial á hora de protexer as vítimas. Tamén a Fiscalía de Galiza derivou a denuncia ás correspondentes Fiscalías provinciais. "En todo este asunto que puxemos en coñecemento da Fiscalía e do TSXG, botamos en falta a falta de transparencia e a falta de implicación do Goberno municipal", advertiu.
A continuación, Gloria Vázquez relatou unha serie de irregularidades ao redor dos puntos de encontros. "Dos 7 que hai en Galiza, só 2 (o de Vigo e Santiago) están rexistrados en Servizos Sociais da Xunta e, para máis, están rexistrados con datos de apertura e enderezos que non se corresponden coa realidade", denunciou. "Ademais, a Xunta di que ten informes de idoneidade destes centros, incluído o da Coruña, supoñemos que se refiren á idoneidade deste espazo para atacar as vítimas e que cumpre os requirimentos de inseguridade perfectos para que acontezan grandes accidentes", ironizou.
Tamén aludiu a presidenta de VelaLuz ás concesións opacas dos puntos de encontro, con custos elevados e con adxudicacións sen concursos. Sinalou que durante 2012, unha soa fundación recibiu 1 millón de euros en catro contratos, sen contar as concesións que se lle adxudicaron desde os Concellos. "Só con estes cartos, o 80% das vítimas e as súas crianzas estarían cobrando unha axuda directa", asegurou. E é que, tal e como denunciou, só un 10% das mulleres que denuncian violencia de xénero recibe axuda económica por parte da Xunta de Galiza.