Preferentes: O PP renuncia a modificar a lei que permite as quitas e evita dar prazos
A Coruña, 4 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG abstívose na votación dos acordos da moción presentada en Pleno polo PP sobre a fraude das preferentes pola súa falta de compromiso para devolverlle a totalidade dos aforros ás persoas estafadas. O portavoz do BNG no Concello da Coruña puña dúas condicións para que a moción do PP contase co voto favorábel das nacionalistas. En primeiro lugar, Carril pedía modificar a Lei 9/2012, de 14 de novembro, para que as persoas aforradoras subscritoras de participacións preferentes ou débeda subordinada ficasen fóra das quitas ou canxes obrigatorios previstos nesta norma. E, en segundo lugar, esixía garantir que no primeiro trimestre de 2013 se procedese á devolución íntegra dos aforros ás persoas estafadas. O PP non quixo ter en conta as peticións do Grupo Municipal do BNG e renunciou, así, a eliminar as quitas e a devolverlle o 100% dos aforros ás persoas afectadas no primeiro trimestre do ano.
Na súa intervención, Carril aludiu ás mocións presentadas até o de agora polo BNG sobre a fraude das preferentes e deu conta da última, do Pleno do 1 de outubro de 2012, cuxo debate nin sequera permitiu o PP. Nesta iniciativa, as nacionalistas xa solicitaban impugnar o real decreto lei 24/2012 que legalizaba a fraude das participacións das preferentes. "Con esta norma, que foi posteriormente substituída pola Lei 9/2012 o que se estaba facendo era unha legalización da estafa e das quitas", sinalou Carril.
O único garante de evitar as quitas é a modificación da lei, que o PP rexeitou
O portavoz nacionalista puxo de manifesto que "a mellor maneira para garantir que non se leven a cabo as quitas é coa modificación da lei que as permite e que lle dá poderes desorbitados ao FROB para que actúe como queira en relación ás persoas estafadas polas preferentes".
Sobre a arbitraxe, que o BNG respecta, Carril salientou que non vai resolver ao 100 por cento o problema, porque haberá que demostrar que houbo un engano na comercialización. Ademais, indicou que se vai elaborar un perfil de afectado para excluír millereiros de persoas estafas. Advertiu tamén de que se se acode á arbitraxe e non se consegue un fallo favorábel, é imposíbel acudir á vía xudicial.
Por todo isto, Carril esixíalle ao Goberno municipal "que deixe de dar voltas e vaia, dunha vez, á raíz do problema".