O Goberno local desatende as necesidades reais da veciñanza de Palavea
A Coruña, 20 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG manifesta que a contratación das obras de urbanización da contorna Palavea, dentro do proxecto de área de rehabilitación grupo Santa Cristina II aprobado hoxe en Xunta de Goberno Local, non recolle as necesidades reais de Palavea plantexadas pola veciñanza. E isto vén motivado, sinalan as nacionalistas, polas habituais visitas virtuais do Goberno local aos barrios da cidade da Coruña, nas que nin escoita, nin fala coa veciñanza dos barrios. Deste modo, o Goberno local non sabe a opinión das veciñas e dos veciños sobre as necesidades e demandas reais en Palavea. O lóxico sería que. antes de acometer calquera intervención no lugar, tivese falado previamente con toda a veciñanza de Palavea.
Se así o fixer o Goberno local, sinalan as nacionalistas, tería coñecemento do que acontece no barrio, que vive nunha situación de abandono e incomunicación, necesita doutras accións inmediatas e eficaces para a resolución dos problemas da súa poboación. Así o BNG sinala que a veciñanza ten manifestado en multitude de ocasións cales son as súas necesidades, entre elas sobrancean:
Primeiro. Realidades sociais:
-desenvolvemento de proxectos educativos, laborais e lecer que dean respostas globais á xente moza
Segundo. Necesidades en materia de mobilidade, comunicacións, urbanismo e infraestruturas:
-pavimentación de rúas
-necesidade de beirarrúas
-mellora dos accesos ao barrio, entre outros a entrada ao barrio por Alcampo
-ordenación do tráfico no barrio
-iluminación acaída en todo o barrio
-construción de pasarela que conecte Palavea con Santa Xema
-estabelecemento de barreiras sonoras que arreden os edificios e as casas das vías que arrodean o barrio
-reforzamento das liñas intermetropolitanas de buses
-saneamento do río Quintás
Terceiro. En materia de servizos:
-recuperación da oficina de correos
-dotación dun rexistro auxiliar no centro cívico
-recuperación da casa do Curro para usos veciñais
O Bloque Nacionalista Galego manterá, de novo, encontros coas veciñas e veciños de Palavea, coa finalidade de que poidan dar a coñecer outra vez a súa situación e exixir que o Goberno local resolva os verdadeiros problemas que ten o barrio.