UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA

O Goberno Local debe actuar contra prácticas que privatizan a Casa Escariz, inmóbel cuxo titular lexítimo é o Concello

Casa Escariz
Casa Escariz
A Casa Escariz é un inmóbel que lexitimamente pertence ao Concello da Coruña e o BNG ten apoiado a acción do Goberno Local para conseguir a súa plena restitución.
O Goberno Local debe actuar contra prácticas que privatizan a Casa Escariz, inmóbel cuxo titular lexítimo é o Concello

Mais non abonda con reclamar a titularidade deste ben inmóbel, é preciso tamén que o Goberno Local lle reclame á Fundación Piñeiro Pose -a entidade que xestiona a Casa Escariz, herdanza do filántropo coruñés- o diñeiro ingresado durante anos e retido indebidamente.

Así, de acordo co testamento de Manuel Piñeiro Pose, as rendas da Casa Escariz -descontados os gastos dirixidos a sufragar misas e a coidar do seu sepulcro- debían financiar o Hospital Municipal durante os 30 anos posteriores ao seu falecimento (a partir dese momento, o inmóbel pasaría a ser propiedade do centro sanitario).

Mais só hai constancia dun fluxo de diñeiro con dirección ao hospital desde 1970 a 1985. En 1985 desapareceu a clínica e o Concello -do cal aquela dependía- non percibiu desde aquela altura ningún ingreso, pese a que a Fundación Piñeiro Pose goza dunha “excelente saúde financeira”, apunta Francisco Jorquera. De feito, e de acordo cos datos da empresa especializada Axesor, os seus activos ascenderían a 39 millóns de euros e só en 2019 tería declarado beneficios por valor de 915 mil euros.

É por isto que Jorquera rexistra unha batería de preguntas por escrito e, entre elas, interésase por saber se o Concello da Coruña “vai emprender accións para demandar as cantidades que a Fundación Piñeiro Pose ingresou durante anos e retivo indebidamente”.

Francisco Jorquera na Asemblea Local que refrendou o Acordo de Investidura 2023
Francisco Jorquera, con David Soto, durante un acto do BNG

Os testamenteiros de Piñeiro Pose -o abade da Colexiata, os párrocos De San Nicolás e Santa Lucía- argumentan que non existe continuidade xurídica entre o Hospital Municipal e o Concello e que, por tanto, non existiría obriga de ingresar diñeiro na Facenda local.

Mais ese argumento, argúe Jorquera, non se ten de pé, pois o Hospital Municipal non tiña personalidade xurídica propia e o Concello da Coruña, o seu sucesor natural, era tamén o seu lexítimo titular.

Á marxe do diñeiro non ingresado no Concello e retido indebidamente por parte da Fundación, o grupo municipal do BNG tivo coñecemento da realización de prácticas por parte dos testamenteiros contrarias á conservación dun edificio de innegábel valor arquitectónico e que supoñen a “privatización de vivendas cuxa titularidade lexítima corresponde ao Concello da Coruña”.

En efecto, soubemos que durante 18 anos, entre outubro de 2004 e maio de 2022, a Fundación Piñeiro Pose abstívose de cobrar os alugueres das vivendas da Casa Escariz. Nin emitía recibos nin ofrecía ás persoas arrendatarias outra alternativa de pago legal. Obviamente deste xeito a Fundación incumpría a vontade do testador.

Alén diso, a fundación tamén desatendeu a obriga de conservar as vivendas en bo estado unha vez que estas son desocupadas. Só as volvía pór no mercado cando aparecían inquilinos dispostos a rehabilitalas ao seu cargo para, en compensación, pactar un contrato de arrendamento a efectos prácticos vitalicio, pois ten unha vixencia de 25-30 anos con dereito a prórroga e subrogación.

Soubemos que durante 18 anos, entre outubro de 2004 e maio de 2022, a Fundación Piñeiro Pose abstívose de cobrar os alugueres das vivendas da Casa Escariz. Nin emitía recibos nin ofrecía ás persoas arrendatarias outra alternativa de pago legal. Obviamente deste xeito a Fundación incumpría a vontade do testador

“Ademais”, esténdese Jorquera, “até 1994 a Fundación tamén se inhibiu de asumir o custo de calquera reparación e gasto de mantemento no edificio, que tiveron que ser asumidos polas persoas arrendatarias”.

“Todos estes feitos”, engade, “contribúen a degradar un edificio de innegábel valor arquitectónico, deterioran un ben patrimonial e privatizan, na práctica, vivendas cuxa titularidade lexítima corresponde ao Concello da Coruña”.

Por todo o anterior, Jorquera inquire o Goberno Local en que estado se atopan as accións legais emprendidas polo Concello para reclamar a titularidade da Casa Escariz e se é coñecedor “de que entre outubro de 2004 e maio de 2022 a Fundación Piñeiro Pose abstívose de emitir recibos e de ofrecer ás persoas arrendatarias outra alternativa de pago legal”.

“Vai actuar o Goberno Local contra prácticas dos albaceas que atentan contra a vontade manifestada polo Sr. Piñeiro Pose e contribúen a degradar un inmóbel cuxo lexítimo titular é o Concello da Coruña?”, pregunta, para concluír, o noso voceiro en María Pita.

 

 

 

O Goberno Local debe actuar contra prácticas que privatizan a Casa Escariz, inmóbel cuxo titular lexítimo é o Concello