REXISTRA UNHA PREGUNTA POR ESCRITO E UN ROGO ORAL
Avia Veira propón solucións aos atascos da Rúa da Torre e a habilitación dun aparcadoiro temporal nas cocheiras do tranvía
Os atascos na Rúa da Torre son o produto de que, ao se fechar o Paseo Marítimo entre a glorieta de Durmideiras e a subida a Veramar, “toda a veciñanza de Monte Alto” ten que ir por esa vía se precisa transitar polo túnel de María Pita.
“Nas horas puntas é un verdadeiro perigo, xa que non avanza o tránsito e unha persoa pode chegar a tardar até 20 minutos en baixar esta rúa”, afirma Avia Veira na exposición de motivos da pregunta por escrito.
“Ten o Goberno Local algún plan para aliviar os embotellamentos diarios desta rúa?”, inquire a concelleira nacionalista, quen se interesa por saber se o Executivo coruñés valora a hipótese de mudar a dirección dalgunha rúa deste barrio, tendo en conta que Monte Alto “se acha situado integramente nunha península”.
Canto á redución do número de prazas de aparcamento -decorrente tanto das obras no Paseo Marítimo como da demolición do mercado de Monte Alto-, Veira propón que se empreguen as instalacións das concheiras do Tranvía -que son de titularidade municipal após a liquidación do servizo de transporte por rodadura fixa mediante tranvías- para habilitar un aparcadoiro temporal.