UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O #PLENOMARZO DO XOVES 13M

O Goberno Local está a dar pasos que poñen en perigo o modelo "exemplar" das Mulleres Colleiteiras

Visita Jorquera a Mulleres Colleiteiras
Jorquera, a visitar as instalacións de Mulleres Colleiteiras
O Goberno Local está a dar pasos que poñen en perigo o modelo “exemplar” de Mulleres Colleiteiras para a recollida e tratamento do aceite doméstico usado.
O Goberno Local está a dar pasos que poñen en perigo o modelo "exemplar" das Mulleres Colleiteiras

Así o considera o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, quen lle vai dirixir unha pregunta oral ao respecto ao Executivo coruñés no Pleno deste xoves 13 de marzo, co seguinte texto: “Como valora o Goberno Local a recollida e tratamento do aceite doméstico usado na nosa cidade?”.

Jorquera estima que o modelo de Mulleres Colleiteiras “ten un grande interese medio-ambiental ao dar aproveitamento a un recurso e ao evitar a xeración de residuos”.

Mais, alén diso, “é un exemplo de emprendemento e empoderamento feminino, protagonizado por mulleres ciganas que vivían en situacións de exclusión social”.

“Das distintas iniciativas para favorecer a inclusión social e laboral de persoas que vivían en asentamentos chabolistas, foi a que deu máis resultados”, alega o portavoz nacionalista.

E por que o Goberno Local está a pór en perigo Mulleres Colleiteiras? Pois porque, apunta Jorquera, está dando pasos que dificultan a súa continuidade.

“O convenio do Concello con Mulleres Colleiteiras”, relata, “caducou hai dous anos e, no canto de o renovar, o Goberno Local parece optar por sacar a servizo o concurso”.

E o asunto é que ese movemento do Goberno Local non é produto de ningún imperativo legal: “A lei estatal permite transformar o actual convenio nun contrato con Mulleres Colleiteiras para que continúen a prestar ese servizo, xa que non hai contraprestación económica”. Así acontece, subliña, “con multitude de contratos subscritos polas administracións con entidades sociais”, até o punto de que “a propia normativa autonómica contempla o réxime de concertos sociais”.

O problema agrávase porque o requisito de que Mulleres Colleiteiras se transforme nunha empresa de inserción para poder concursar tería “paradoxalmente” como consecuencia práctica que o modelo retrocedería en conquistas sociais e laborais.

“Mulleres Colleiteiras”, explica Jorquera, “e unha cooperativa e se se vise obrigada a se tornar nunha empresa de inserción, durante os dous primeiros anos o 30% das persoas contratadas tería que proceder de ‘bolsas de emprego’, porcentaxe que co paso do tempo aumentaría até chegar o 50%”.

Isto significaría necesariamente que a adopción desa fórmula “conlevaría despedimentos en Mulleres Colleiteiras” e, en definitiva, “pór en perigo un modelo de éxito, exemplo de inserción de persoas que vivían en asentamentos chabolistas”, conclúe.

 

 

 

 

O Goberno Local está a dar pasos que poñen en perigo o modelo "exemplar" das Mulleres Colleiteiras