O BNG propón unha comisión para facer o seguimento da licitación do novo contrato de Nostián

Imaxe do exterior da Planta de Nostián
Imaxe do exterior da Planta de Nostián
O grupo municipal do BNG vai propor no Pleno deste xoves a constitución dunha comisión informativa especial que teña como obxectivo facer o seguimento do proceso de licitación do novo contrato do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos da Coruña.
O BNG propón unha comisión para facer o seguimento da licitación do novo contrato de Nostián

A formación nacionalista -que fai esta proposta a través dunha emenda a unha moción do PP, rexistrada este mesmo mércores- insta o Goberno Local a que traslade a esa comisión “de xeito sistemático”  toda a información relativa “ás vindeiras actuacións que afectan a planta de Nostián”.

No texto da emenda, que se anexa, o BNG defende tamén que se licite “coa máxima celeridade e rigor” o servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos -caducado a finais de 2019-, “incorporando as medidas precisas que aseguren converter Nostián nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe”.

Nesa dirección, os pregos do novo contrato deben contemplar que se asegure a fabricación dun compost aceptábel medioambientalmente, a drástica redución da porcentaxe de refugallos e o seu tratamento co menor impacto ambiental, ben como tamén o respecto aos dereitos laborais do cadro de persoal.

Ao mesmo tempo, o BNG empraza o Goberno Local a que, mentres non se materializar o proceso de licitación, vele polo correcto funcionamento de Nostián e, nese sentido, se ocupe de que a prestataria do servizo garanta o mantemento axeitado das instalacións, singularmente no que ten a ver coa prevención de riscos laborais.

Por último, o grupo municipal nacionalista urxe o Goberno Local a que desenvolva un plan de mellora da separación en orixe que inclúa “campañas de información e concienciación dirixidas ao conxunto da cidadanía”.

 

 

O BNG propón unha comisión para facer o seguimento da licitación do novo contrato de Nostián