COMPARECENCIA ANTE OS MEDIOS DE ANA PONTÓN E FRANCISCO JORQUERA

"Se o Goberno Local avala a privatización dos peiraos, estará a romper o Acordo de Investidura"

Ana
Ana Pontón, Xosé Regueira, Francisco Jorquera, Avia Veira e Xurxo Couto.
Se o Goberno Local acaba avalando a privatización de parte dos peiraos do porto da Coruña e dese o seu apoio a non condonación da débeda portuaria entraríamos nun escenario que na práctica suporía a ruptura unilateral por parte do Executivo coruñés do Acordo de Investidura asinado en xuño de 2019 polos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG.
"Se o Goberno Local avala a privatización dos peiraos, estará a romper o Acordo de Investidura"

Nestes termos expresouse esta mañá Francisco Jorquera no curso dunha conferencia de prensa que el propio e a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, ofreceron no salón A Dársena de Palexco en relación ao porto coruñés após a recente reunión entre o presidente da Xunta e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Asistiron ao acto informativo a concelleira Avia Veira, o vicepresidente da Deputación Xosé Regueira e o titular de Cultura da Corporación provincial, Xurxo Couto.

“Estamos a falar dunha cuestión chave para o futuro da cidade. Se non houbese condonación ou unha solución análoga (que o Estado contribúa á transformación do porto cunha achega equivalente ao débito da Autoridade Portuaria), se o Estado por tanto apostase por especular cos terreos e iso contase co aval do Goberno Local, pois obviamente o consideraríamos un incumprimento gravísimo do Acordo de Investidura e o BNG actuaría en consecuencia, exercendo de forma contundente o labor de oposición e postulándose como alternativa”, dixo Jorquera.

Estaríamos, pois, ante unha ruptura unilateral do Acordo de Investidura por parte do Goberno Local “e evidentemente iso tería consecuencias”, alertou Jorquera.

Quer Ana Pontón quer Francisco Jorquera consideraron falida –a portavoz nacional cualificouna de “fiasco”- a recente reunión Feixoo-Ábalos. “O PP e o PSOE estatais continúan a discriminar Galiza. Por que se pode condonar a débeda do porto de Valéncia e non a da Coruña? Non o dan explicado ben, porque non ten explicación posíbel”, dixo a xefa da oposición, para quen non é de recibo que o presidente da Xunta non tivese a coraxe de demandarlle ao ministro a liquidación da débeda.

Pontón e Jorquera denunciaron tamén que, en relación ao enlace ferroviario con Punta Langosteira, o Goberno do Estado nin comprometeu prazos nin fórmula de financiamento. “Xa sabemos a fiabilidade dos acordos Xunta-Fomento. Lembraredes o do Obradoiro cando nos anunciaron que o AVE estaría plenamente operativo en 2016...”, remarcou a portavoz nacional.

 

 

"Se o Goberno Local avala a privatización dos peiraos, estará a romper o Acordo de Investidura"