Após a reunión Feixoo-Ábalos, continuamos a ver moitas inconcrecións e incertezas sobre o futuro do porto

Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria á esquerda
Nunha primeira avaliación de urxencia, o grupo municipal do BNG da Coruña analiza así a reunión entre o presidente da Xunta e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana:
Após a reunión Feixoo-Ábalos, continuamos a ver moitas inconcrecións e incertezas sobre o futuro do porto

1.-A reunión non ofrece novidades moi significativas a respecto da cimeira de María Pita celebrada o pasado 23 de febreiro. Continúan moitas incógnitas por despexar.

2.-Sobre o acceso ferroviario a Punta Langosteira, o Goberno do Estado, non sin resistencias, acaba asumindo o que para o BNG sempre foi evidente: o porto exterior non é viábel sen os camiños de ferro. Só faltaría que deixasen, entre as dársenas de interese xeral continentais, o porto da Coruña como o único, con Motril, sen conexión ferroviaria.

Porén, ignoramos que prazos manexa o Goberno central para a realización das obras e botamos en falta un compromiso firme de que o enlace será financiado polo Estado no caso de non se poder acceder a fondos europeos. Estas dúas cuestións son centrais e a incerteza continúa sobre a mesa.

3.-Sobre a débeda da Autoridade Portuaria con Portos do Estado, todo indica que o Ministerio non está disposto a avaliar o escenario da condonación, a diferenza do que fixo en Valéncia, nin manexa unha solución análoga, como a que propuxo o BNG durante a tramitación das emendas parciais aos orzamentos do Estado, isto é, o investimento na transformación dos terreos portuarios por unha cantidade idéntica ao montante do débito (200 millóns de euros).

O Ministerio non está disposto a avaliar o escenario da condonación, a diferenza do que fixo en Valéncia, nin manexa unha solución análoga, como a que propuxo o BNG durante a tramitación das emendas aos orzamentos do Estado

A fórmula defendida hoxe por Ábalos (“medidas de flexibilización”) non deixa de ser a mesma que o presidente de Portos do Estado trouxo á cimeira de María Pita, unha reestruturación da débeda até 2035 vinculada a posta en valor dos activos do porto, isto é, vinculada á privatización de parte dos peiraos. A ameaza da especulación urbanística continuaría por tanto intacta.

 

 

 

 

 

 

Após a reunión Feixoo-Ábalos, continuamos a ver moitas inconcrecións e incertezas sobre o futuro do porto