Galiza sen peaxes!
O BNG insta á Xunta de Galiza a que lidere un proceso que conduza á redución das peaxes da AP-9 e a demandar o traspaso da súa titularidade a Galiza para a converter nunha autoestrada pública e gratuíta.
O BNG esixe, alén diso, a aplicación de descontos e melloras na autoestrada.
O Grupo Municipal do BNG insta á Xunta de Galiza a que lidere un proceso que conduza nunha primeira instancia á redución das peaxes da AP-9, nun mínimo do 32% que é o que subiron desde que se iniciou a crise, á aplicación de descontos e melloras na autoestrada, e que o proceso conclúa co remate da explotación privada da autoestrada do Atlántico para ser unha autoestrada pública e gratuíta de titularidade galega. Estas demandas serán materializadas nunha moción que o BNG no Concello da Coruña levará ao vindeiro pleno de maio.
O BNG leva demandando desde o inicio da grave crise económica que se tomen medidas para que a AP-9 exerza como unha vía de comunicación que vertebre o territorio e sexa accesíbel para todas as galegas e galegos. Así, presentou distintas iniciativas tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados para demandar, entre outras medidas, que se conxelen ou se reduzan os prezos das peaxes na autopista do Atlántico. Porén, tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado español fan ouvidos xordos ás propostas do BNG, que, en realidade, son unha demanda social da maioría de galegos e galegas, tamén no noso concello, pola imposibilidade económica de pagar peaxes inasumíbeis en momentos de tantas dificultades económicas.
Sen ir máis lonxe, o pasado 11 de marzo a Comisión de Fomento do Congreso rexeitaba, debido á oposición do PP, unha proposición non de lei do BNG que instaba ao Goberno do Estado español a anular calquera incremento de peaxes para este ano, así como a conversión da AP-9 nunha autopista pública e gratuíta.
A AP-9 parte dun deseño de infraestruturas terrestres deseñado en Madrid, de xeito centralista e radial, alleo á realidade do país. Resulta significativo que o gasto en peaxes ao viaxar entre Madrid e Ferrol sexa menor (16,20 euros) que viaxar entre Ferrol e Vigo (17,65 euros).
A privatización da autoestrada está a significar grandes incrementos das peaxes. Así, desde a privatización de AUDASA no 2003 (actualmente propiedade de Itínere e á súa vez en mans dun fondo especulativo norteamericano) incrementouse nun 50% as tarifas entre A Coruña e Vigo, pasando de 10,28 a 15,35 euros. Alén diso, a concesión foi ampliada até o ano 2048 baixo o Goberno presidido por Aznar, unha explotación que outorga grandes beneficios económicos a esta empresa por unha infraestrutura que está máis que amortizada, como demostran os multimillonarios beneficios da empresa concesionaria, que ascenderon a 275 millóns de euros desde o ano 2008. No período comprendido entre o ano 2001 e o 2012, os beneficios desta empresa ascenderon a 1.270 millóns de euros, un incremento do 61% a pesar de que o número de persoas usuarias apenas se acrecentou. A concesionaria sempre gaña, haxa ou non haxa tráfico, xa que se se reduce o tráfico, increméntase a tarifa por vehículo. AUDASA nunca perde.
Os beneficios nin sequera repercuten na mellora do servizo. Non se mellorou a iluminación nin o asfaltado en moitos tramos e até diminuíu o número de cobradores. Esta autoestrada rexistra colas de horas en períodos estivais ou datas sinaladas sen se adoptaren medidas de ningún tipo. Mesmo os clientes habituais da AP-9 non poden beneficiarse dos descontos polo uso frecuente, uns descontos que Itínere si ofrece noutras autoestradas do Estado español.
Estas condicións supoñen, por tanto, un claro abuso para a cidadanía da Coruña e de Galiza, que non ten máis remedio que optar pola vella N-550, duplicando os tempos de viaxe, mesmo con risco para a seguranza debido ao seu mal estado. A AP-9, xa suficientemente explotada a mans privadas, debería ser un servizo público gratuíto que servise para vertebrar o territorio galego e facilitar as comunicacións.
Porén, denuncia o Grupo Municipal do BNG, a Xunta de Galiza mira para outro lado e o Goberno do Estado español anuncia o rescate de nove autoestradas en situación de concurso de acredores, a maioría delas en Madrid, con cartos, tamén, das galegas e dos galegos.