O PP segue ocultando á cidadanía as auditorías de Nostián
A actitude do Goberno Local en relación coas auditorías de Nostián, ademais de ser opaca, é chulesca, porque ten coñecemento delas, fala do seu contido e, ao mesmo tempo, négase a facelas públicas e impídelles o seu acceso aos membros da oposición
E todo isto sempre collido da man coa empresa e dándolles as costas aos traballadores
O Grupo Municipal do BNG manifesta que a actitude do Goberno Local en relación coas auditorías de Nostián, ademais de ser opaca, é chulesca, porque ten coñecemento delas, fala do seu contido, mesmo facendo achegas, e, ao mesmo tempo, négase a facelas públicas para que as coñeza a cidadanía e impídelles o seu acceso aos membros da oposición. E todo isto sempre collido da man coa empresa e dándolles as costas aos traballadores.
Como é posíbel que un Goberno Municipal que queira ser democrático e responsábel teña o atrevemento de, despois de estudar as auditorías, das que ten coñecemento desde outubro de 2012 e falar delas e do seu contido, negarse a facelas públicas e impedir o seu acceso aos membros da oposición, coartando, deste xeito, calquera tipo de iniciativa sobre Nostián. Con esta actitude o Goberno Local non só continúa a ser opaco senón tamén chulesco.
E todo isto cun Goberno Local que vai collido da man coa empresa coa que negocia ás agachadas e coa que sempre tivo boa sintonía, todo o contrario que cos traballadores que non só chegou a criminalizalos no seu día por denunciar incumprimento das condicións da concesión do servizo de tratamento de residuos sólidos urbanos senón que ademais os consideraba responsábeis da situación actual da empresa cando só estaban a defender os seus dereitos e salarios ante a ofensiva empresarial de precarizar as súas situacións laborais.