ROGO AO GOBERNO LOCAL QUE AVIA VEIRA DEFENDERÁ NO PLENO DO 1-O
O galego ten de estar tamén nos cartaces e folletos de entidades financiadas polo Concello
Trataríase de que estas entidades utilizasen o galego no material informativo –carteis, folletos, etc- co que dan conta de actividades financiadas polo Concello.
A tal efecto no articulado dos convenios nominativos que se asinen deberían figurar cláusulas lingüísticas que garantisen o uso da nosa lingua.
Na exposición de motivos desta iniciativa, explica Avia Veira que o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiza en 2004 estabeleceu como principios básicos do proceso normalizador a chamada oferta positiva e oferta informativa.
A positiva consiste en que as administracións públicas, na súa relación coas cidadás e os cidadáns, empreguen en primeira instancia a lingua galega e que se manteñan nela salvo que a persoa interlocutora dea sinais de preferir falar en castelán. Esta práctica axudaría obviamente a desinhibir o galego e a acabar cos usos diglósicos do noso idioma, infelizmente aínda vixentes.
No articulado dos convenios nominativos que se asinen deberían figurar cláusulas lingüísticas que garantisen o uso da nosa lingua
A oferta informativa ten de se traducir, por súa parte, na emisión en galego de documentos por parte das administracións. Unha e outra oferta son as dúas caras dunha mesma moeda, a da cortesía, a do respecto dos dereitos lingüísticos, unha das claves da dinámica normalizadora que se pretendeu abrir co PXNL de 2004, salienta Avia Veira.
Pois ben, é moita hora de aplicar esta lóxica a todas as actividades que directa ou indirectamente financia o Concello da Coruña, entende a edil nacionalista. “Se o Concello da Coruña cumprise cos principios da cortesía e de oferta positiva recollidos no PXNL estaría a convidar as persoas galegofalantes a empregaren a súa lingua e a non agachala”, remarca. Mais tamén estaría a convidar “as persoas castelán falantes” a usar o idioma propio do país.
A iniciativa de Veira parte dunha constatación: a de que con frecuencia os carteis e folletos de actividades de entidades sociais coas que o Concello ten asinado convenios edítanse en castelán, a pesar de neles aparecer o logo da institución local. “Dado que tamén son imaxe do Concello e que están financiados por esta Administración local, que ten a obriga de promover o uso da nosa lingua, cremos que o Goberno Municipal debería fomentar que empreguen o galego nos carteis, folletos e demais material informativo”.